publicidade hoxe

A depuradora de Ponte Carreira comeza a prestar servizo tras investir máis de 1,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita á depuradora de Ponte Carreira

Ethel Vázquez na visita á depuradora de Ponte Carreira

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asistiu hoxe a posta en servizo dos colectores xerais e da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ponte Carreira, no Concello de Frades. Nesta visita, Ethel Vázquez estivo acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey; a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; o director de Augas de Galicia; Gonzalo Mosqueira; e o deputado no Parlamento de Galicia, Miguel Prado Patiño, entre outros. Esta actuación significou un investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

A máxima responsable de Medio Ambiente do Goberno galego subliñou que con esta actuación dótase dun servizo de saneamento axeitado á maior parte da parroquia de Gafoi e a parte da parroquia de Ledoira. Cabe sinalar que esta obra supón unha importante mellora na eliminación de verteduras no río Tambre.

Esta acción era necesaria posto que a parroquia de Gafoi, á que pertence o núcleo de Ponte Carreira, tiña unha rede de saneamento unitaria e as augas pasaban por unha depuradora sen mantemento que vertía ao río Tambre, case sen tratamento. A parroquia de Ledoira non tiña rede de residuais.

Con esta actuación, en Gafoi executouse unha rede separativa de saneamento e, en Ledoira, realizouse un colector de augas fecais que conecta coa rede de Gafoi. As augas residuais procedentes de Gafoi e de Ledoira pasan a verter a unha nova depuradora que pode tratar ata 600 habitantes equivalentes..

A EDAR e as canalizacións instaladas dimensionáronse para que no futuro poidan conectarse os restantes núcleos de Ledoira.

Obras realizadas

As obras que se levaron a cabo consistiron na construción de 5.750 metros. de rede separativa de saneamento na parroquia de Gafoi, conexión da rede existente de Ledoira e estación depuradora das augas residuais; a rede de pluviais: de 680 m. de lonxitude, 555 metros de colectores PVC e 125 m. colectores. Así mesmo reparáronse colectores de pluviais existentes.

Na rede de residuais executáronse algo mais de 5 quilómetros de colectores xerais; fixéronse reparacións en colectores de fecais existentes; un bombeo de 1+1 bombas de 4,4 KW. A EDAR de Ponte Carreira ten unha capacidade para dar servizo a mais de 600 habitantes; un edificio de tratamento de lodos, tratando un caudal medio: 8,5 m3/h e un caudal máximo: 20 m3/h, entre outras actuacións.

Aposta por Frades

Vázquez resaltou que esta obra constitúe un exemplo máis da colaboración institucional que se debe dar nun servizo básico como é a auga. Nas súas palabras non esqueceu lembrar a aposta da súa Consellería polo concello de Frades, o que se traduce nun investimento de máis de 2,8 M € dende 2009, en actuacións como o reforzo de firme localizado nas estradas Ordes-Lanzá; A Coruña-Cee e Culleredo Meirama. Unha actuación proxectada en dúas fases: a primeira, cun importe de 580.000 euros, supuxo a mellora da Travesía de Pedrouzo en Frades e xa está rematada; a segunda dará comezo na segunda quincena deste mes, cun investimento de preto de 600.000 €.

Tamén lembrou a mellora de seguridade viaria, xa executada, na travesía de Abellá, onde se investiu preto de medio millón de euros

2 de xullo de 2014 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.