A delegación da Coruña pon en marcha a comisión de coordinación policial de loita contra incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o subdelegado do Goberno na provincia, Jorge Atán, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais de cara a preparar a campaña de verán, que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro. Na xuntanza estiveron tamén presentes membros da Xefatura Territorial do Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional e responsables da Garda Civil e do Exército.

Durante o encontro, presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña e a competencia que terá cada un deles en base ao Plan Pladiga de 2014, ademais de avaliarse os plans operativos da provincia e facer un seguimento da superficie queimada coa intención de apreciar a posible causa-efecto.

Na mesma liña, fíxose fincapé na importancia de manter a coordinación entre a Xunta e o Goberno central nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. “O obxectivo é buscar unha tendencia positiva a medio e longo prazo da diminución do número de lumes e da superficie ardida. E para iso é vital a cooperación de todos os axentes implicados, é dicir, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o Exército, os concellos, os efectivos dos dispositivos de prevención e extinción, os voluntarios, os propietarios e o resto da sociedade”, indicou a delegada territorial.
No caso da Coruña, quedaron marcadas as zonas de especial vixilancia para este verán. Nelas, realizaranse accións de control, disuasión e investigación, procedendo ao seguimento de zonas queimadas e informando das actividades que nelas se desenvolvan.

Cabe destacar que o dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e tamén os novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES). A estes medios sumaranse os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica, a Policía Nacional e membros dos equipos de investigación. Neste senso, os asistentes á reunión da comisión coincidiron en destacar a profesionalidade do colectivo laboral que loita contra o lume, “que resulta moi eficaz despois de máis de 20 anos de experiencia”

Por último, tanto os responsables autonómicos como os estatais acordaron trasladar de novo un chamamento á colaboración da cidadanía. “A axilidade en alertar dun fogo é o maior aliado á hora de evitar danos maiores”, indicou Do Campo, quen ademais apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento co obxectivo de “conseguir a máxima contundencia legal cos que prenden lume ao patrimonio natural dos galegos”.

Neste senso, recordou que desde esta mesma semana e ata o 30 de setembro estará totalmente prohibido realizar queimas a nos montes galegos.

3 de xullo de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.