A Coruña porá en marcha 89 hortos urbanos no último trimestre deste ano
O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, anunciou, esta mañá, que os 89 hortos de lecer, de titularidade municipal e situados á altura do número 2 da rúa Fragas do Eume, no barrio Novo Mesoiro, estarán a disposición dos coruñeses no último trimestre deste ano.
Tal e como subliñou Enrique Salvador, esta é unha iniciativa inédita na Coruña, que busca a integración social e aposta por prácticas ambientais saudables, cambiando espazos desatendidos por lugares humanizados. “Foméntase así a creación de hortos urbanos como unha alternativa de lecer saudable para todos aqueles que se interesen pola agricultura tradicional e ecolóxica”, explicou.
O Goberno local investiu 161.538 euros enla adecuación das parcelas, de 50 metros cadrados cada unha, e na execución dos 89 hortos de lecer e as súas instalacións complementarias (un armario para a almacenaxe de apeiros e útiles). Todos os hortos estarán dotados de acometida de auga para a rega. Para articular o proceso de selección dos usuarios dos hortos urbanos de Novo Mesoiro, o Concello aprobará na próxima na Xunta de Goberno Local, as bases que regulan a convocatoria pública para a asignación das parcelas, que recollen as normas de uso, xestión e acceso a estas instalacións municipais. As parcelas dedicaranse exclusivamente ao cultivo de hortalizas ou flores, os produtos obtidos serán para consumo familiar -non poderán venderse-, haberán de efectuarse prácticas culturais aplicadas no cultivo ecolóxico e cada usuario terá a obrigación de manter o horto en bo estado. Tamén se fomentará a utilización de sistemas de rega que permitan unha optimización do consumo de auga.
O horario de utilización das parcelas realizouse en función dun maior aproveitamento das horas de luz. Deste xeito, durante os meses de abril e setembro, estarán a disposición dos usuarios de 09.00 a 21.00 horas; e de outubro a marzo, de 10.00a 19.00 horas.
O prazo para presentar solicitudes, a partir do día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia, estará aberto até o 10 de setembro, no Rexistro Oficial do Concello. A cota de inscrición é de 50 euros. Entre os requisitos para optar a un horto urbano, figuran: ser maior de idade, estar empadroado na cidade, asistir a un curso previo sobre cultivo ou non ter en propiedade terreos aptos para o cultivo. Os adxudicatarios deberán abonar unha tarifa mensual de 25 euros, para os labores de mantemento e conservación das parcelas, excepto aquelas persoas que teñan uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Neste sentido, Enrique Salvador destacou que primarán os criterios sociais e explicou, ademais, que, dos 89 hortos urbanos, resérvanse un mínimo de 20 para aquelas persoas con menos recursos: “Queremos dar todas as facilidades ao noso alcance para que os veciños e veciñas da Coruña poidan gozar desta experiencia única e pioneira na cidade”.
Resérvanse, ademais, dous hortos para a práctica de actividades de educación ambiental promovidas polo concello e dous para proxectos de asociacións, colectivos, centros educativos ou culturais vinculados ao barrio de Novo Mesoiro.
As parcelas, que se concederán mediante sorteo público, outorgaranse durante un prazo de dous anos, prorrogable até tres. Unha vez transcorridos, o horto deberá rotar; para iso, abrirase unha nova convocatoria pública. As persoas adxudicatarias das parcelas conformarán unha comunidade que se encargará, en colaboración co concello, do mantemento e limpeza dos espazos comúns e organización de actividades lúdicas, sociais ou culturais.
Ademais das hortas de lecer, nestes terreos municipais, que alcanzan unha superficie 8.309 metros cadrados, tamén se habilitou unha zona de recreo -con fontes, mesas e bancos- e instaláronse dous aseos diferenciados para ambos os sexos, e un vestiario. Para facilitar o acceso á zona, o Concello optou por esta parcela municipal xunto ao número 2 da rúa Fragas do Eume, porque favorece o acceso e a mobilidade dos usuarios -pódese acceder en transporte público á zona a través da liña de bus urbano número 21-.
Coa posta en marcha desta iniciativa pola Concellaría de Medio Ambiente, preténdense lograr os seguintes obxectivos:
– Social: mediante as actividades de formación, educativas e de lecer, e mediante o achegamento da comunidade, que favorece a comunicación e as relacións sociais.
– Saudable: efectos beneficiosos, relacionados co consumo de produtos ecolóxicos, sobre a alimentación, a saúde e o benestar persoal; e beneficios derivados da actividade física que supón o mantemento do horto.
– Cultural: a tradición hortícola forma parte da nosa cultura popular, do modo de vida e do carácter de cada lugar; a agricultura ecolóxica fomenta o emprego de variedades locais e asegura unha execución completamente deseñada atendendo as características específicas da zona.
– Ambiental: relacionados coas técnicas e características da agricultura ecolóxica; coidado da natureza, respecto ambiental, compostaxe de residuos orgánicos, recuperación de espazos, autoconsumo, sustentabilidade…
– Económico: derivados do consumo propio de produtos alimenticios.
“É un proxecto piloto, que está aberto a todas aquelas suxestións e iniciativas dos adxudicatarios que melloren e fomenten a iniciativa”, explicou o concelleiro.











