A Corporación de San Sadurniño recibe ás nenas do Club Brío
Os membros do equipo de goberno e dous dos representantes do grupo municipal do PP participaron na recepción oficial ofrecida ao equipo de ximnasia rítmica do Club Brío, que este sábado pechou temporada en San Sadurniño. Durante o acto, celebrado no salón de sesións, o alcalde agradeceulles ás nenas, á adestradora e ao clube o feito de deixar “ben alto” por Galicia adiante o nome de San Sadurniño.
Brío ten tres grupos de baile moderno que suman 23 rapaces e rapazas entre pequenos, medianos e maiores. Ademais, no grupo de ximnasia hai 5 nenas que durante este ano non pararon de sumar éxitos tanto en grupo como en competicións individuais.
Velaí os máis destacados: 1º posto no Torneo do Culb Porta Norte de Burela, 1º posto no IX torneo de Primavera Cidade de Ferrol, 1º posto Torneo Provincial Escolar, 1º posto I Torneo del Club Apóstol Santiago de Vigo, 2º posto para Laura Carballo en categoría benxamín individual no I Torneo del Club Apóstol Santiago de Vigo e o 1º posto de Andrea Novo en categoría benxamín individual no XI Torneo Cidade da Coruña Axiga. E os que lles quedan…
O equipo fórmano Sofía García Pérez, Andrea Novo Pérez, Laura Carballo Castrillón, Ainhoa Fandiño Couce e Noelia Fernández Soto. Nenas todas elas ás que se lles abre un futuro moi prometedor. A todas elas e ao seu clube, Secundino García agradeceulles que levasen o nome de San Sadurniño por toda Galicia nesta temporada “e que o deixaran quedar ben alto”. Ademais, puxo as actividades desenvolvidas por Brío como exemplo de “traballo ben feito e a demostración palpable de que non todo é fútbol, que hai máis deportes que cómpre promocionar de cara ao futuro.”
Durante o acto as nenas recibiron como agasallo unha acuarela personalizada, obra do pintor Manuel Carballeira que estes días expón na galería da Casa do Concello.











