A corporación de Ferrol celebra varios actos de repulsa contra a violencia de xénero
O Concello de Ferrol volveu manifestar hoxe, como vén sendo habitual o último venres de cada mes, a repulsa da cidade á violencia de xénero contra a muller. Nesta ocasión, nos actos programados pola Concellería de Xuventude e Igualdade que dirixe Verónica Casal Míguez participaron representantes veciñais de Ultramar e Esteiro.
Así, as actividades consistiron na plantación de rosais na coñecida como pérgola da memoria situada nos Xardíns de San Francisco. Posteriormente, tivo lugar a lectura dun manifesto na entrada á Casa Consistorial en que, coa presenza de representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal, veciños de Ultramar e Esteiro leron un manifesto de repulsa contra a violencia machista e de solidariedade coas vítimas. Ademais, colocouse no balcón principal do Consistorio unha pancarta instando á cidadanía a sumarse contra os malos tratos e recordando que fronte a violencia, tolerancia cero.











