A corporación de Cambre homenaxea a todas as vítimas do terrorismo cunha ofrenda floral na praza Miguel Ángel Blanco

Ofrenda floral
A Corporación municipal levou a cabo un ano máis unha homenaxe a todas as vítimas do terrorismo na praza Miguel Ángel Blanco coincidindo co 17 aniversario do asasinato do concelleiro vasco que dá nome a esta praza cambresa. Membros da Policía Local, Protección Civil e da Garda Civil depositaron unha ofrenda floral en recordo de todas as vítimas da violencia terrorista tras o discurso da primeira tenente de alcalde, María Jesús González Roel.
“Hoxe estamos aquí xuntos os cambreses para alentar e promover o rexeitamento ás actitudes violentas e a todas aquelas que supoñan agresións ou transgresións dos dereitos fundamentais das persoas”, destacou no seu discurso a edil popular.
Ao acto acudiron todos os concelleiros do goberno local e varios representantes da corporación municipal, o tenente de Comandancia da Garda Civil de Cambre, o responsable de Protección Civil e o inspector xefe en funcións da Policía Local. González leu un emotivo discurso en recoñecemento a todas as vítimas do terrorismo antes de que se depositase unha coroa de flores nun monólito que levará unha placa lembrando ás vítimas do terrorismo. Tras a ofrenda gardouse un minuto de silencio que culminou cun emotivo aplauso.
A concelleira, en nome de todo o pobo cambrés, aproveitou o discurso para lembrar “Quero finalizar este pequeno discurso felicitando e encomiando ás forzas da orde, hoxe aquí representadas polo traballo extraordinario que levaron a cabo na loita antiterrorista”, sentenciou.











