publicidade hoxe

A construción dunha ponte sobre o río Airoa nos Blancos contará cun investimento de 150.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOs BlancosOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o titular da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a construción dunha ponte sobre o río Airoa, que unirá as poboacións dos Blancos e Nóveas. Trátase, segundo dixo Baltar, “dunha mostra máis do que significa a cooperación entre institucións, neste caso entre a administración local, a provincial e a central do Estado”, para construír unha infraestrutura que dea continuidade á estrada municipal que une as poboacións dos Blancos e Nóveas, debido a que o actual paso atópase moi deteriorado por mor das continuas crecidas de caudal, o que ten afectado á seguridade estrutural do mesmo e ten provocado tamén fendas de gran tamaño que impiden o tránsito pola citada vía.

A obra, que comezará este mesmo ano, supón un investimento de 150.000 euros que achegan a Deputación de Ourense e a CHMS ao 50 % en dúas anualidades, 2014 e 2015, mentres que o Concello dos Blancos pon a disposición os terreos necesarios para a realización da obra.

A obra complétase coa construción de muros de contención que darán continuidade á nova ponte adaptando os viais de acceso, e proxéctase ademais a protección da zona de leito recuperada con técnicas de bioenxeñería, utilizando unha empalizada de madeira tratada que garante a estabilidade do terreo fronte á erosión da auga. O prazo de execución da obra estímase en catro meses.

23 de xullo de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.