A Consellería de Traballo ampliará o convenio con Asime para mellorar a cualificación dos traballadores do sector naval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao taller de formación en Ferrol

Beatriz Mato na visita ao taller de formación en Ferrol

A Consellería de Traballo e Benestar e Asime impartirán un mínimo de 16 cursos de formación en Ferrol para 240 alumnos do sector naval en situación de desemprego. Así o explicou hoxe a titular deste departamento, Beatriz Mato, durante unha visita aos alumnos participantes nas primeiras accións formativas que se realizan ao abeiro do convenio asinado coa patronal do metal, Asime.

Mato anunciou, durante a visita, que xa está prevista a ampliación do convenio asinado o pasado mes de marzo entre o departamento autonómico e o axente social neste eido. Desta maneira, o orzamento aumentará en 450.000 euros, desde os 1,1 millóns ata os 1,5, o que permitirá levar a cabo 49 cursos (en 7 especialidades), dez mais que os previstos inicialmente, e aumentar en 150 os beneficiarios totais do programa, ata chegar a un total de 750.

A titular de Traballo lembrou que estas iniciativas contribúen a acadar “unha mellora efectiva da empregabilidade” ligada a unha formación “de calidade, certificada e vinculada ás necesidades reais do mercado laboral”. Neste caso, outorgarán aos traballadores a homologación internacional que precisan para traballar nos estaleiros e nas empresas auxiliares do naval.

Mato explicou que ofrecen múltiples vantaxes: preparan e facultan aos traballadores para facer fronte aos novos retos do naval galego como os derivados da alianza estratéxica con PEMEX que vai reportar 600 millóns de euros a Galicia; melloran moi significativamente os seus currículums; e aumentan a competitividade das empresas do sector, ao permitirlles contar cos profesionais máis preparados.

A responsable do departamento autonómico engadiu que estes cursos apoian aos sectores estratéxicos da economía galega, como é o naval e as empresas auxiliares. No marco dese apoio ao naval, considerou “fundamental” poder colaborar con ASIME en diversas accións como nos avances na prevención de riscos laborais, a posta en marcha de actividade formativas como as que recolle este convenio ou as iniciativas novidosas como Empreganav.

Este último programa, que rematou este ano, promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais do sector que perderon o seu traballo, reconducíndoos cara novas alternativas, apostando pola reciclaxe laboral e fomentando o espírito empresarial. No Empreganav acadouse unha inserción do 60% dos seus participantes.

Por último, Mato apuntou que “contar cos traballadores máis preparados e que teñan a homologación internacional necesaria para desenvolver o seu labor son factores esenciais para incrementar a competitividade do sector”.

11 de xullo de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.