publicidade hoxe

A Consellería de Economía e Industria impulsa a competitividade do parque empresarial de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que leva a cabo cada ano coas administracións locais, vén de resolver o programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, Angel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas, durante a súa visita ao polígono industrial de Tremoedo, destacou a importancia desta axuda para o impulso de actuacións no parque empresarial de Vilanova de Arousa. Con esta intervención búscase garantir un espazo con condicións máis adecuadas para o tránsito e acceso ás naves.

Neste contexto, investiranse 120.000 euros na mellora do pavimento de acceso ao parque, acometendo actuacións na sinalización das marcas viais e nas beirarrúas ao longo de máis de medio quilómetro. Deste xeito, e como explicou Bernardo Tahoces, a actuación beneficia e impulsa a mellora da competitividade industrial do concello, cunha contía da axuda representa o 80% do custo da iniciativa.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo alcalde do municipio, Gonzalo Durán, resaltou a importancia dunha orde que impulsa este ano actuacións en preto dunha decena de parques empresarias da provincia de Pontevedra, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da comarca. “Deste xeito, colaboramos cos municipios pontevedreses, facilitando a realización de distintas iniciativas cun investimento de máis de 600.000 euros”, explicou.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dáse así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios municipais.

Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.

Trala finalización dos traballos, sinalou Bernardo Tahoces, teranse beneficiado deste programa nos últimos anos 26 concellos diferentes da provincia de Pontevedra, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais.

17 de xullo de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.