publicidade hoxe

A comedia protagonizará as “XXVII Noites teatrais de Vilamarín”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseVilamarín
A-
A+

As “Noites teatrais de Vilamarín”, uno dos certames das artes escénicas máis importantes de Galicia no verán, chega este ano á súa 27ª edición. O evento, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, terá lugar do 15 ao 18 de xullo no auditorio municipal de Vilamarín, con entrada gratuíta, e porá en escena catro producións teatrais de compañías de Madrid, A Estrada, Santiago de Compostela e Pontevedra.

A presentación do programa tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.

“A xente quere sorrir e divertirse por iso a comedia é a protagonista do programa deste esta ano”, explicou Amador Vázquez, quen lembrou que o éxito deste evento “fai que unhas 2.000 persoas de Ourense e do resto de Galicia se acheguen cada ano a Vilamarín para asistir ás Noites teatrais”.

Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que esta actividade cultural “é unha cita ineludible no calendario das artes escénicas de Ourense, e boa mostra diso é a importante traxectoria deste evento que conta xa con 27 edicións, e que tivo como impulsor a Amador Vázquez e como verdadeira alma mater a Marina Rodríguez”. Baltar afirmou que a Deputación de Ourense está ao carón de iniciativas como esta que se implican no desenvolvemento social e cultural nos nosos concellos, do cal é bo exemplo o municipio de Vilamarín”.

O programa deste ano, segundo explicou Marina Rodríguez, abrangue maioritariamente o xénero da comedia e comezará o martes, día 15, coa representación de MDM Producciones que porá en escena “Los chismorreos de las mujeres”. O mércores, día 16, Malasombra Producións estrea a obra “D.E.P.”, interpretada por Jouse García, Xoque Carbajal e Patricia Rodríguez. O xoves, día 17, Talía Teatro presenta “O método Grönholm, de Jordi Galcerán; e o venres, día 18, Abrapalabra Creacións Escénicas porá en escena a obra “As do peixe”. Todas as representacións terán lugar no auditorio municipal de Vilamarín, ás 22.30 horas.

11 de xullo de 2014 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.