A Cociña do Mundo chega aos Mercados de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Esta fin de semana, días 12 e 13 de xullo, a Praza de Abastos de Monforte acolle un singular mercado no que se poderán probar e comprar, produtos e comidas de 10 países distintos.

Venezuela, México, Brasil, Colombia, Bulgaria, Portugal, Xapón, Tailandia, India e Marrocos, serán os países de procedencia das comidas que se ofrezan e que os clientes poderán degustar, en forma de pequenas tapas, a prezos que oscilarán entre os 0,50 céntimos e un euro.

Monforte é unha cidade que na última década ten experimentado un forte incremento da poboación inmigrante. Xunto con eles chegaron novas culturas e tamén unha parte importante delas, a súa gastronomía.

Mercados de Monforte pretende dar a coñecer esta gran diversidade que en moitas ocasións pasa desapercibida para moitos cidadáns, pero que é unha parte moi importante da cidade.

Mercados de Monforte presenta así un novo formato, como espazo de encontro entre os cidadáns de Monforte e como un escaparate para os que visitan a cidade.

Neste ano Mercados de Monforte ten redobrado o seu esforzo por dar a coñecer os distintos aspectos da cidade, organizando mercados nos que se implicaron varios sectores económicos e de poboación. Cociña do Mundo é unha estupenda oportunidade de descubrir un dos secretos de Monforte.

Hostaleiros locais e persoas dos distintos países empregadas na hostalería monfortina, serán os encargados de cociñar e atender os postos do mercado.

Os horarios serán o sábado día 12 de 11:00 h. a 14:30 h. e de 18:00 h. a 21:00 h., e o domingo día 13 só en horario de mañá.

 

 

9 de xullo de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.