A cidade de Barcelona chega a Monforte a través do obxectivo de cinco fotógrafos
Dende o día 15 de xullo e ata o día 8 de agosto a Casa da Cultura acolle a exposición fotográfica “5 Fotógrafos Barcelona 2012”, que poderá visitarse en horario matinal e que reflicte o sentir da cidade a través da mirada destes profesionais.
Non é unha exposición ó uso, no sentido de que non pretende dar unha visión dirixida nin estándar da Barcelona actual. Non hai, xa que logo, unha tese común tras estas imaxes. Os fotógrafos teñen o denominador común de ser nados fóra de Cataluña e o seu traballo enfoca o espazo urbano dende ángulos moi diferentes.
A diversidade no ollar destes fotógrafos é unha das características que achegan interese a esta selección, que a modo de “diario non autorizado da cidade”, busca trasladar a Galicia a Barcelona máis viva e actual.
Os participantes nesta exposición, organizada pola Fundación Vicente Risco e o concello de Monforte, naturais de Chile, Italia, Galicia, A Rioxa e Xapón, son os seguintes:
Jesús Llaría natural de Logroño, é licenciado en filosofía e actualmente traballa para a revista Jotdown. É o único que non reside de forma permanente na cidade, aínda que a frecuenta constantemente. Llaría procura continuamente a alma das paisaxes e as persoas que adoita fotografar. Apóiase para iso nunha depurada técnica en un amplo coñecemento da linguaxe fotográfica.
Móstranos unha selección da súa serie Anfitrionazgo na que retrata a parte máis privada da cidade. Unha mirada sobre determinados espazos de Barcelona que adoitan quedar ocultos á mirada.
Liño De Vallier é un fotoperiodista italiano que vive en Barcelona dende o ano 2001, onde trballa como reporteiro gráfico freelance para a axencia ASfoto.
A fotografía entra na súa vida cando de neno gustaba pasar o tempo observando as fotografías da revista Photo de seu pai. A finais de 1999 merca a súa primeira cámara e comeza descubrir esta arte como forma de expresión.
As súas fotos dannos unha versión próxima sobre a arquitectura e as persoas.
Rieko Uekamaé de Xapón, chegou a barcelona en 1990 e no 94 comezou os seus estudos no “Institut D´etudis Fotográfics de Catalunya”, quedando a vivir na cidade. Gusta de retratar a natureza e a xente da rúa. Foi asistente de fotografía e as súas imaxes foron publicadas en varias revistas. Rieko móstranos persoas en tránsito, camiñando sobre esas fráxiles pontes que nos permiten cruzar os ríos de asfalto.
Persoas anónimas que resaltan a normalidade na convivencia multicultural da cidade.
Rocío Diego naceu en Santiago de Chile, vive en Barcelona dende hai doce anos. A súa linguaxe como fotógrafa está claramente inmersa na arte contemporánea. O movemento dos seus traballos está moi próximo ó que poderiamos entender como pintura e, de feito, o seu traballo adoita mostrarse sobre todo en galerías de arte.
A forma de mover a cámara durante o disparo, os desenfoques ou as dobres exposicións, dannos unha visión case abstracta dos espazos urbanos e das persoas que os transitan.
Tono Carbajo naceu en Vigo e reside en Barcelona dende hai doce anos. O seu traballo é coñecido no campo das artes visuais, a pintura, o vídeo e as vídeo instalacións. Nesta ocasión amósanos por vez primeira unha faceta súa non habitual e practicamente descoñecida para o público: o documental e a fotografía social. Carbajo fotografou, case día a día, o que está a suceder nas rúas de Barcelona dende o 15M, algo que a maioría de medios silencia.
Do seu extenso arquivo escolleu algunhas imaxes nas que se pode notar o pulso dunha cidade sempre reivindicativa dos seus dereitos, comprometida politicamente e cunha sociedade civil moi activa e vertebrada.











