publicidade hoxe

A Cañiza xa está preparada para acoller o II Salón Internacional do Cabalo XAMONCAB 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaCalendario
A-
A+
Presentación da Xamoncab 2014

Presentación da Xamoncab 2014

Xa está todo preparado na terra do Xamón, na Cañiza, para comezar o II Salón Internacional do Cabalo Xamoncab 2014. Un evento que o ano pasado conseguiu bater os seus mellores prognósticos ao superar as expectativas en canto ao número de gandarías participantes e de público asistente. Todo un éxito que fixo posible que os seus organizadores quedasen coas ganas de volver tentalo un ano máis. Por iso con toda a ilusión e humildade levan traballando sen descanso desde principios de ano para que o certame de 2014 se salde co mesmo éxito.

Sen dúbida un dos concursos máis importantes que acolle este Salón é o morfo-funcional puntuable para o campionato de España organizado por ANCCE e que este ano conseguiu alcanzar a categoría de internacional. Todo un compromiso e un reto que a organización terá que afrontar traballando con maior afán para continuar mantendo esta cualificación.

Un dos aspectos que a organización máis coidou na pasada edición foi o trato esmerado e a atención dispensada ás gandarías participantes, cubrindo todas as necesidades demandadas e este ano traballarán nesta mesma liña. Por iso non se cobrará pola inscrición no campionato nin polos boxes, corraletas e palla e mantéñense os premios da pasada edición, máis de 6.000 €uros en metálico. O salón tamén contará cun espazo comercial no que xa está confirmada a asistencia de importantes firmas relacionadas co mundo cabalar.

Ademais deste importante campionato en Xamoncab tamén se celebrará a IX Final COPA ACCEGA de Doma Clásica así como outros concursos morfolóxicos e unha ruta cabalar que este ano discorrerá polas altas terras do Monte Pedroso e polos vales do río DEVA, atravesando a maior explotación gandeira de Porco Celta en extensión de Galicia, en 10 hectáreas de robledales ao aire libre. Unha ruta cabalar que comezará ás 10 da mañá do domingo 13 coa inscrición e finalizará cunha comida popular na carpa de restauración do certame que este ano corre a cargo dunha das mellores empresas de catering de Galicia, Catering Don Pepe.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo en Xamoncab, nunha zona reservada para o Poni Club, onde os máis atrevidos poderán realizar o seu bautizo cabalar.

E como colofón, o domingo 13 terán lugar vistosos espectáculos ecuestres que comezarán ás 16h00 cunha exhibición do Club de Enganche de Galicia seguida dun carrusel a cargo de Hípica Amazonas. Despois da entrega de premios por parte da organización e autoridades convidadas e para clausurar este II Salón do Cabalo o Centro Ecuestre Mirantes de León deleitará a todo o público co seu espectáculo Pueblos, Ruedos y Circo. Espectáculo que combina arte flamenca con arte ecuestre a cargo da Familia Mirantes. Un espectáculo de máis de hora e media de duración no que lucirán as súas habilidades algúns dos 24 cabalos do Centro.

Todo isto é  XAMONCAB,  II Salón Internacional do Cabalo “ na terra do Xamón” que se celebrará durante os días 10 ao 13 de xullo no recinto de Augas Férreas, a escasos 500 m do centro urbano.

Certame que conta co respaldo total e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia así como de ANCCE, ACCEGA, Federación Hípica Galega, Deporte Galego da Xunta de Galicia e a Asociación de Hostaleiros e Produtores do Xamón da Cañiza. Apoio e colaboración sen a cal a organización do Salón non sería posible. Por todo iso os organizadores do evento, Asociación de Especialistas Hípica Celta da Cañiza e o Concello da Cañiza, desexan agradecer a todas estas administracións e organismos a atención e cooperación que este ano dispensaron ao certame. A todos eles grazas.

5 de xullo de 2014 | 22:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.