A Cámara de Comercio de Ourense promove unha misión para participar en Termatalia Arxentina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurenseOurense
A-
A+

A Cámara de Comercio e Industria de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia e Expourense e co apoio de Fondos FEDER, organizou unha misión comercial que contempla unha participación agrupada para empresas do sector de Galicia na próxima edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar que se celebrará entre o 2 e o 4 de outubro en Termas de Río Fondo, provincia de Santiago do Estero, Arxentina. A participación nesta misión ofrece unhas condicións moi vantaxosas, xa que pode subvencionarse até o 80% do total do custo da participación na feira.

Empresas galegas, na súa maioría da provincia de Ourense, de sectores afíns ao termalismo como o turismo, a consultoría especializada ou os equipamentos industriais. Este é o caso, por exemplo, de Peloides Termais, AGATUR, Lisardo Dorribo, Grupo Caldaria ou Poliéster Hermida, que xa pecharon a súa participación nesta misión que lles permitirá participar en todas as accións de negocio previstas para a feira (bolsa de contratación turística, foros de investimento, xornadas técnicas) e poder presentar os seus produtos e servizos ante profesionais do sector de 25 países.

A Cámara de Comercio de Ourense continúa así apoiando Termatalia, unha cita na que colaboraron en edicións anteriores promovendo misións comerciais inversas con mercados potencialmente de interese para o sector termal galego ou co patrocinio de accións como a recreación do Centro Termal da feira.

O seu papel de ponte de conexión entre Europa e América Latina converteu a Termatalia nun espazo de convivencia onde se crean sinerxías que están a dar moi bos resultados. Despois de varias edicións nas que o novo continente foi gañando peso progresivamente coa presenza dun maior número de profesionais procedentes de México, Colombia, Arxentina, Chile, Perú ou Costa Rica. Son países nos que os recursos naturais e a demanda do produto “Turismo de Saúde” é crecente, e pódense desenvolver novas oportunidades de negocio e intercambio de experiencias.

Esta circunstancia abre un amplo abanico de oportunidades para os destinos termais con máis tradición, como é o caso de Galicia, que pode abrir a novos mercados entre os que viaxen a Europa para coñecer os seus balnearios, centros de talasoterapia e spa. Ademais, a experiencia galega en materias como o equipamento, a consultoría ou a formación de profesionais pode ser transmitida a estes países interesados cada vez máis en desenvolver os seus recursos termais.

4 de xullo de 2014 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.