A Cámara de Comercio da Coruña realiza un importante papel na dinamización do tecido empresarial da súa área

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita ás instalacións da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña o papel deste organismo na dinamización do tecido empresarial tanto da cidade coruñesa como das comarcas que forman parte da súa área.

Nun encontro con membros do pleno da Cámara, encabezados polo seu presidente, Marcelo Castro-Rial, no que tamén participaron responsables de varias empresas relevantes da zona, Conde trasladou os principais eixos da actuación da Xunta para acadar a reactivación da economía galega, centrada no impulso á internacionalización das pemes galegas, a innovación, e o apoio ao emprendemento, achegando o asesoramento e o financiamento axeitado. Salientou tamén a importancia de fixar tecido industrial como unha das principais liñas de traballo do Goberno galego en colaboración co resto de axentes, e subliñou que en todos estes eidos o organismo cameral coruñés desenvolve un importante labor.

Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria reiterou a aposta da Xunta por cámaras de comercio solventes, útiles para o empresariado galego e que presten servizos de calidade, e anunciou que o Goberno galego está a traballar nunha nova Lei autonómica de Cámaras, en desenvolvemento da nova lei estatal.

Por outra banda, Francisco Conde subliñou a cooperación da Cámara da Coruña coa Consellería de Economía e Industria, en ámbitos como o plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga). A institución coruñesa puxo en marcha nos últimos cinco anos máis de 130 accións de promoción exterior no marco deste plan, impulsado pola Xunta en colaboración coas cámaras galegas.

Para este ano, están previstas un total de 17 actuacións da Cámara da Coruña no plan Foexga, centradas en impulsar a internacionalización das empresas galegas en países como Arxelia, México, China, Reino Unido, Estados Unidos, Marrocos, Portugal, Cabo Verde, Polonia, Xapón, México, Angola, Mozambique, Francia, Etiopía, Corea, Guinea, Camerún e Gabón.

Do mesmo xeito, o conselleiro de Economía e Industria, que tivo a oportunidade de coñecer as diferentes propostas achegadas polos participantes na xuntanza, e coñecer os principais temas de interese para o tecido produtivo coruñés, destacou os distintos programas de formación e asesoramento que desenvolve a Cámara coruñesa ao longo do ano.

23 de xullo de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.