A calidade das augas da ría de Arousa mellorará coas obras de saneamento no Saco de Fefiñáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Grazas á posta en marcha das obras do Plan de Saneamento Integral para a recollida de vertidos no Saco de Fefiñáns, en Cambados, a calidade das augas da ría de Arousa mellorarán de xeito notable. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou esta mañá o inicio das obras e aclarou que estes beneficios xa se notarán este mesmo ano, xa que en tres meses estarán rematadas as obras que eliminarán os vertidos sen depurar dun colector de saneamento que non está conectado á rede de depuradora. Augas de Galicia destina máis dun millón de euros para a execución do conxunto dos traballos.

Trátase dos traballos incluídos na primeira fase e consisten en afrontar o saneamento da rúa Pombal, paralela á estrada autonómica PO-549 (Vilagarcía de Arousa- Cambados) e cuxo sistema de sumidoiros verte directamente sen tratamento sobre un dos dous regatos que chegan ao fondo do saco.

Con estes traballos mellorarase o saneamento cambiando 120 metros de colectores e instalando unha pequena estación de bombeo no punto baixo da zona no río Corvillón para recoller as augas residuais das vivendas desa rúa para impulsalas e poder conectalas á rede de saneamento actualmente existente.

Vázquez Mourelle recordou que o proxecto de Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns, valorado en máis de 1 millón de euros, definiuse a partir do Plan de saneamento local da Ría de Arousa, no que estudaron con detalle o funcionamento das redes de saneamento para atallar as súas problemáticas, especialmente en tempo de chuvia.

Explicou que nestes puntos do concello de Cambados, no saco de Fefiñáns e na rúa Pombal, cómpre resolver verteduras directas e indirectas que hoxe en día se producen ao saco pola actual configuración da rede de saneamento.

Segunda fase

En relación coa segunda fase dos traballos, que se executan de xeito paralelo, esta proporciona unha solución global ás verteduras de auga residuais; ao recoller as verteduras no contorno da avenida de Vilagarcía executando unha rede separativa de colectores de PVC e unha nova estación de bombeo integrada nun tanque de tormentas no Pombal. Este tanque, ou depósito de retención de augas unitarias, constará de canal de entrada, unha cámara principal de laminación e un pozo de bombeo. Finalmente, na Cabana proxéctase a execución dun novo colector que precisará da execución de varios treitos con perforación horizontal dirixida.

Destacou que a importancia desta actuación, que é acorde coa política da Xunta de colaborar cos concellos galegos para garantir o bo estado ecolóxico das rías galegas co fin de acadar o correcto desenvolvemento da produción marisqueira.

Plan saneamento local da Ría de Arousa

O Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa iniciouse cunha intensa campaña de campo para inventariar as redes de saneamento e todos os seus elementos como condutos, pozos, bombeos, depuradoras ou vertidos. Construíuse un modelo numérico da rede mediante a utilización dun software en réxime non permanente. No caso do plan da marxe esquerda da ría de Arousa, concretamente nos concellos de Camabados, Vilanova de Arousa e A Illa, o documento de análise supuxo un gran esforzo de traballo de campo e investigación, xa que se inventariaron na rede de saneamento: un total de 5.972 pozos de rexistro, 550 Km de conducións de saneamento, 72 bombeos e unha estación depuradora de augas residuais.

Na marxe esquerda da ría de Arousa, o plan de saneamento beneficiará aos concellos de Vilanova de Arousa, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Catoira, Sanxenxo, Meaño e O Grove. Auga de Galicia licitou por case 4 millóns de euros este proxecto que mellora o estado das augas da ría de Arousa.

A finalidade do Plan de Saneamento Local é coñecer e diagnosticar o funcionamento dos sistemas de saneamento tanto en tempos secos como en sucesos de choiva. O Goberno galego programou actuacións hidráulicas necesarias para acadar un bo estado das augas das rías galegas, abordando así o compromiso deste coa Directiva Marco da Auga da UE.

28 de xullo de 2014 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.