A bandeira azul xa foi izada na praia de Caión

Izado da bandeira azul na praia de Caión
Por décimo terceiro ano a bandeira azul ondea na praia de Caión. O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, foi o encargado de izar o símbolo internacional que outorgan a Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) en recoñecemento á calidade das augas, instalacións, aos servizos que ofrece aos usuarios e ao esforzo polo desenvolvemento de iniciativas municipais relacionadas co respecto ao medio ambiente.
No acto desta mañá tamén estiveron presentes os edís José Ramón Martínez Barbeito (concelleiro de Medio Ambiente), Patricia Bello (Cultura, Deportes e Turismo) e Jesús Souto (Urbanismo e Obras), o equipo de socorristas que garantirá a seguridade dos usuarios do areal durante o verán e os cincuenta rapaces que participan na primeira quenda dos campamentos municipais que se están a desenvolver na localidade de Caión.
Ademais da bandeira azul da praia de Caión, neste verán o tramo duns 1.500 metros de lonxitude do paseo marítimo, concretamente desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, estrea o distintivo de sendeiro azul. Deste xeito, a FEE e ADEAC recoñecen o “traballo, mellora e restauración do patrimonio natural e etnolóxico”, a “contribución positiva ao uso sostible do litoral” e a “función social importante” do paseo ao constituír un “excelente lugar para o disfrute da natureza” e ser un “elemento vertebrador para o desenvolvemento, a saúde e o benestar do conxunto da sociedade”.
O Concello da Laracha instalou catro paneis informativos ao longo do percorrido do denominado “Sendeiro da praia” nos que se ofrecen datos de interese xeral e unha imaxe aérea da praia e deste tramo do paseo marítimo.
O de Caión é o primeiro sendeiro azul da Costa da Morte. Na provincia da Coruña foron concedidos unicamente catro, quince en toda Galicia e corenta e seis no conxunto de España.











