publicidade hoxe

A Baña investirá 132.000 euros en pavimentar as vías públicas de dez localidades do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Baña
A-
A+

A xunta de goberno local do Concello da Baña deu onte, 15 de xuño, ‘luz verde’ a un investimento de 132.000 euros para a pavimentación de vías públicas nas localidades de Trece, Cotobade, Quinteiro, Edreira, Mundrís, Valiña, A Tarroeira, Corneira, Vilela e A Estivadiña. As actuacións en dez localidades do Concello da Baña foron adxudicadas a tres empresas. As obras, incluídas no programa POS 2014 dependente da Deputación da Coruña, comezarán nas próximas semanas, unha vez cumprimentados todos os trámites. As empresas adxudicatarias aproveitarán os meses de verán para acometer os proxectos e deixalos listos antes de que comece o inverno.

O pavimento da vía pública nas localidades de Trece, Cotobade e Quinteiro requirirá un investimento de 40.000 euros. O proxecto, que estará a cargo da empresa Escavacións Irmáns Souto, inclúe unha capa de formigón e a limpeza de gabias e cunetas. Pola súa banda, a obra de pavimentación da vía pública en Edreira, Mundrís, Valiña, A Tarroeira e Corneira estará a cargo de Escavacións e Obras Públicas Galicia. O investimento será de 48.300 euros e inclúe o asfaltado de vías nesas localidades da Baña. O terceiro proxecto, no que figuran as obras de pavimentación de vías en Vilela e A Estivadiña, será desenvolvido por Escavacións Agra Castro e o investimento sumará 44.000 euros.

As obras comezarán nas próximas semanas, tras a formalización dos contratos e a presentación dun plan de seguridade e saúde da obra por parte das empresas.

16 de xullo de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.