A Aula Mentor EducaOroso convoca catro cursos formativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso vén de incrementar a oferta formativa da Aula Mentor Educaoroso coa incorporación de catro novos cursos: dúas novas edicións do curso “Constrúe o teu camiño cara o emprego utilizando as novas tecnoloxías. Emprego 2.0” e dous novos cursos CCNA Cisco, que comezarán a impartirse o vindeiro mes de setembro. Máis información e inscricións na web na Aula Mente Educaoroso (rúa do Deporte, 7. Sigüeiro) ou no 981 688 950.

O Concello de Oroso decidiu convocar dúas novas edicións do curso “Emprego 2.0” debido ao gran interese espertado pola primeira edición do mesmo, que se está a impartir nestes momentos na Aula de Formación EducaOroso e cuxos alumnos están mellorando as súas posibilidades de incorporarse ao mercado laboral.. Para facilitar o acceso dun maior número de veciños/as, o Concello de Oroso ofertou este mesmo curso tanto en horario de mañá (durante o mes de setembro) como de tarde (durante o mes de outubro).

Entre outros aspectos, tanto os alumnos que están cursando a día de hoxe este curso como os que se incorporen en setembro e outubro, aprenderán a establecer un proxecto profesional individual, analizando tanto as potencialidades como os déficits de cada un. Os alumnos/as coñecerán a importancia de Internet como escaparate, así como o xeito de utilizar tanto as redes sociais como as redes profesionais para a busca de emprego. Así mesmo, tamén se achegarán aos distintos portais de emprego e de subida de currículos online. E todo sen esquecer aspectos básicos como o xeito de elaborar o currículo vitae persoal para que sexa adaptable ás distintas ofertas, como estruturar correctamente as cartas de presentación ou como prepararse correctamente para unha entrevista de selección.

CNNA CISCO

Por outra banda, a Aula Mentor Educaoroso convoca dous novos cursos CCNA Cisco, que darán comezo o próximo 8 de setembro. Nesta convocatoria, cuxo prazo de inscrición se abrirá o 1 de setembro, ofertaranse os módulos 1 e 2 do novo currículo Cisco CCNA 5 Routing and Switching, mantendo ademais os módulos 3 e 4 dos itinerarios Discovery e Exploration do CCNA 4.

Estes cursos CISCO son uns iniciativas especiais da Aula Mentor que teñen unha duración de 5 meses, durante os cales a matrícula debe estar permanentemente activa. Estes cursos non teñen a mesma flexibilidade que o resto da oferta da Aula Mentor, xa que a súa data de inicio e fin está previamente planificada. CISCO expide un certificado por cada un dos 4 cursos por cada un dos dous itinerarios posibles: CCNA Discovery e CCNA Exploration. A planificación de cada curso está publicada na web do proxecto mentor.

O obxectivo do itinerario CCNA Discovery é introducir aos alumnos no mundo das redes de ordenadores a través de ferramentas interactivas e prácticas guiadas. Está destinado a alumnos con habilidades básicas no uso do ordenador e non require grandes coñecementos previos en redes. Pola súa parte, o obxectivo do itinerario CCNA Exploration é afondar no mundo das redes de ordenadores ofrecendo ferramentas para deseñar, instalar e configurar redes de pequeno e mediano tamaño, así como amosar todos os servizos de que dispón un provedor de servizos de Internet. Está destinado a alumnos con estudos de informática, coñecementos avanzados no uso de ordenadores e/ou profesionais da materia.

21 de xullo de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.