A área de xuventude vilagarcián programa cursos de cociña tradicional galega
A Concellería de Xuventude e Voluntariado está deseñando xa a programación de actividades a desenvolver nos vindeiros meses. Seguindo a política de ofertar á mocidade accións encamiñadas a súa formación e mellora da empregabilidade, o departamento que dirixe Sandra García, organizará en outono un curso de Cociña Tradicional galega e outro de Acompañante de comedor escolar. A participación será gratuíta e o prazo de inscrición ábrese o 15 de xullo.
Estas dúas accións formativas enmárcanse no Programa “Actívate” promovido pola Deputación Provincial co obxectivo de ofertar á mocidade actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e do tempo libre que sexan de interese xuvenil e que respondan ás demandas da xuventude. A isto, a Concellería de Xuventude engade á hora de seleccionar os cursos, as posibilidades laborais dos mesmos.
Cada curso dispón de 25 prazas e consta de 40 horas lectivas. Ámbolos dous diríxense prioritariamente a persoas de 16 a 35 anos de idade empadroadas en Vilagarcía. Os interesados deberán formalizar a súa inscrición no rexistro Xeral do Concello entre o 15 de xullo e o 14 de agosto, en horario de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres e de 10.00 a 13.00 horas, os sábados. Os formularios poden recollerse nas dependencias de Xuventude e, xunto coa solicitude debidamente cuberta, deberá presentarse fotocopia da do DNI e, en caso de ser desempregado, la tarxeta de demandante de emprego.
De non cubrirse as prazas con alumnos que cumpran estes requisitos prioritarios, procederase a completarse o cupo con aqueles que se teñan inscrito aínda que non cumpran algún dos criterios mencionados.
Unha empresa especializada será a encargada de impartir cada unha das actividades formativas nas instalacións que fixará a Concellería de Xuventude.











