A área de Servizos Sociais da Coruña ofrece 110 prazas para aprender inglés durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, abre este mércores, día 9 de xullo, o prazo de preinscrición para as súas actividades lúdico-educativas en lingua inglesa. O obxectivo fundamental é o de diminuír o impacto que factores económicos sociais e familiares poidan ter na formación dos mozos na aprendizaxe deste idioma; mentres se ofrece ás familias unha alternativa para a conciliación da vida familiar e laboral.

Así, o Concello ofrece 110 prazas para menores con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos. A iniciativa, que se desenvolverá utilizando o inglés como lingua de comunicación e tendo en conta o nivel dos participantes, estará impartida por profesores nativos e profesores titulados universitarios en inglés e con ampla experiencia docente. A metodoloxía será lúdica e participativa.

As actividades desenvolveranse nos centros cívicos municipais de Feáns, San Diego, Pescadores, e O Castrillón, coa seguinte distribución de grupos que terán un mínimo de 6 participantes e un máximo de 10:

– Feáns:

>Do 15 ao 31 de xullo, 2 grupos.

>Do 1 ao 14 de agosto, 2 grupos.

– San Diego:

>Do 15 ao 31 de xullo, 2 grupos.

>Do 1 ao 14 de agosto, 2 grupos.

– Pescadores:

>Do 1 ao 14 de agosto, 1 grupo.

– O Castrillón:

>Do 15 ao 31 de xullo, 2 grupos.

>Do 1 ao 14 de agosto, 2 grupos

As prazas adxudicaranse por orde de solicitude. A preinscrición realizarase entre os días 9 e 12 de xullo entregando o impreso nos centros cívicos municipais nos que se realizan as actividades en horario de 11.00 a 13.30 horas pola mañá e de 16.30 a 20.00 horas pola tarde. Os admitidos deberán abonar 23,22 euros.

A Concellaría de Servizos Sociais, que realiza un investimento de 13.860 euros para o desenvolvemento desta actividade, resérvase o 20% das prazas para persoas beneficiarias de programas sociais.

7 de xullo de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.