A AECT Eurocidade Chaves-Verín presenta a Guía Turística ‘Ruta Termal e da Auga’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Na xornada de mañá, a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, acompañados dos alcaldes de Verín e Chaves, Juan Manuel Jiménez Morán e António Cabeleira, presentarán a Guía Turística ‘Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Chaves-Verín’ e inaugurarán o primeiro tramo da Ecovía do Támega, que conectará os dous barrios da Eurocidade no ano 2015.

A Guía Turística ‘Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Chaves-Verín’ naceu co obxecto de articular unha ruta que conecte o patrimonio balneario de Verín co de Chaves e Vidago, unindo as principais fontes, balnearios e termas do territorio da Eurocidade. Este percorrido, que conforma unha ruta global dentro dos límites xeográficos desta Eurorrexión, combina as rutas urbanas circulares dos dous municipios cunha ruta cicloturística que bordea parte da canle do río Támega, sen esquecer a Ruta Urbana da Auga en Verín que conecta os catro mananciais de augas mineromedicinais do municipio (Cabreiroá, Sousas, Fontenova e Fonte do Sapo).

Por outra banda, terá lugar tamén a inauguración do primeiro tramo da Ecovía Fluvial do Támega, que conectará os municipios de Verín e Chaves, e que conta cun trazado accesible tanto a pé, en bicicleta como para persoas con mobilidade reducida. A mesma ten o seu punto de inicio en Verín na zona da Praia Fluvial do municipio mentres que en Chaves é na Alameda do Taboado. O percorrido por esta vía permite coñecer a zona máis chaira da Eurocidade nunha xornada, que alterna tramos urbanos e senda interurbana, pola marxe do río Támega.

Esta actuación enmárcase no proxecto Eurorrexión Termal e da Auga, aprobado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co financiamento FEDER). No Proxecto participa a Eurocidade Chaves-Verín Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT-ECV), Axencia de Turismo de Galicia, Deputación de Ourense, Turismo Porto e Norte de Portugal e a Asociación das Termas de Portugal.

16 de xullo de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.