A A.E.F. deixa de pertencer á Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal
A Xunta Directiva da Asociación de Empresarios Ferrolterra, acorda deixar de pertencer á Confederación de Empresarios Ferrolterra, ao entender que non se cumpriron os obxectivos que a levaron no ano 2011, a sumarse a este proxecto. A decisión xa foi comunicada, sendo intención da A.E.F. seguir cooperando con COFER, pero nun novo marco colaborativo.
A Xunta Directiva da A.E.F., adoptou o acordo en reunión ordinaria da Xunta Directiva que tivo lugar o 10 de xullo, tras unha análise sobre a situación da asociación, e posterior definición de actuacións en diferentes campos, orientadas a maximizar a achega de valor ás empresas asociadas.
Varias son as causas que motivaron esta decisión, pero tal vez a que tivo maior peso estea estreitamente relacionada coa falta de resultados tras a integración, o non alcanzar o obxectivo marcado, “favorecer que nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal houbese unha voz empresarial que axudase á mellora das empresas, favorecendo a actividade económico-empresarial, e á súa vez fixese máis forte, dinámico e influente o tecido asociativo”.
Á vez que se comunicaba esta decisión, a Xunta Directiva quixo agradecer ao Presidente de COFER, o seu magnifica xestión persoal, esforzo e dedicación, á fronte da Confederación.











