80 menores de Ferrol participan no campamento urbano “Planeta verán”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, visitou hoxe aos menores que participan no campamento urbano “Planeta Verán” que se desenvolve no Centro Cultural Carvalho Calero durante a tempada estival. Un total de 80 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos, realizan durante toda a mañá diferentes actividades lúdicas e de animación.

Casal Míguez explicou que os rapaces do campamento “Planeta Verán” practican actividades deportivas ao aire libre como baloncesto, fútbol e atletismo, e tamén reciben clases de inglés. Así mesmo, a titular de Igualdade e Xuventude explicou que mañá se clausura o campamento urbano do mes de xullo “e celebrarán un festival de talentos como peche do mesmo”. Neste senso, a edil ferrolá lembrou que aínda existen prazas dispoñibles para poder participar no campamento “Planeta Verán” do vindeiro mes de agosto. Os interesados deben apuntarse no Rexistro Municipal do Concello de Ferrol.

Outras actividades conciliadoras para o verán

O Goberno Municipal tamén mantén abertos durante a tempada estival diferentes actividades e campamentos para fomentar a conciliación da vida laboral e familiar. Estes son, o campamento de verán de Covas “Aventura Ferrol”, para menores entre 12 e 17 anos; a ludoteca de Esmelle, dirixida aos nenos/as de 3 a 12 anos; e o campamento para os pequenos con idades comprendidas entre os 3 e 6 anos “Babyocio”.

30 de xullo de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.