200 rapaces comezan o IV Campus de Fútbol de Verán de Tomiño
A Concellaría De Deportes vén de inaugurar o IV Campus de Fútbol de Verán 2014 Concello de Tomiño, que se celebrará dende hoxe ata o 26 de xullo, nos campos municipais de fútbol de A Carballa (Tomiño) e O Regatiño, de Goián.
A actividade, na que se cubriron, como en anos anteriores, as 200 prazas dispoñibles, está dirixida a nenos e nenas de 4 a 16 anos e é impartida en horario matinal (10.00 a 13.30 horas), de luns a venres.
Os participantes reciben clases teórico-prácticas e xogan partidos durante as dúas semanas que dura o campus. Ademais, coma novidade, este ano hai unha parte formativa, con charlas e Máster Class de recoñecidos futbolistas, e outra de diversión, con animación infantil.
O prezo, de 55 euros para nenos/as de Tomiño, e de 65 para os doutros concellos, inclúe dúas equipacións, bocadillos e bebida a diario. O Concello aplicou redución de prezos para familias con máis dun participante ou con escasos recursos.
Máis actividades
A Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, ademais do Campus de Fútbol, organiza coma novidade, durante os meses de xullo e agosto, campus de baloncesto, tenis e padel, xadrez, piragüismo e augas bravas.
Asemade, haberá cursos de Ioga e Tai-chi na Fortaleza de Goián, danza e aerobic, rutas turístico-ambientais de descenso en piragua e un campamento urbano (este último comezou o día 7 de xullo e estenderase ata o 7 de agosto). Como en anos anteriores, os participantes realizan, da man de monitores de tempo libre e voluntarios do Concello, diferentes actividades coma debuxo, pintura, xogos populares, manualidades, dinámicas de grupo, etc. O campamento ten lugar no Campo da Feira en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A ampliación da oferta deportiva e lúdica responde, segundo explica a concelleira de Cultura e Deportes, Cristina Martínez, ao ánimo de ofrecer á veciñanza un ocio de calidade, ofertas deportivas diferenciadas para fomentar o deporte de base, e ao mesmo tempo, axudar ás nais e pais que traballan a conciliar a vida laboral e familiar.
En todas as actividades ofertadas terán preferenza as persoas empradoadas en Tomiño. Para realizar a correspondente inscrición, as persoas interesadas poden chamar ao 986622001/02/03 ou enviar un correo electrónico a cultu.deporte@gmail.com ou omix@concellotomino.com.











