135 expositores participarán no Mercado Local Xusto en San Sadurniño
Produtos frescos, produtos transformados, artículos de segunda man, artesanía… todo terá o seu sitio no Mercado local xusto que organiza o Concello para a mañá deste domingo. Unha cita que nesta ocasión reunirá 135 postos e que se verá lixeiramente modificada en canto ao espazo por mor das obras no convento do Rosario. O Concello agarda que o mercado sexa un éxito de público, xa que as previsións meteorolóxicas apuntan a un día soleado.
O Mercado local xusto parece que se vai consolidando pouco a pouco. A finais de xuño de 2013 celebrouse a primeira edición con 85 postos participantes e pouco máis dun ano despois o número de expositores medrou ata os 135. “Son simples números, pero números indicadores de que o consumo volve mirar cara ao que ten máis preto”, apunta o concelleiro de Cultura e Participación veciñal, Manolo Varela.
De feito, segundo o concelleiro, o obxectivo do mercado é “conectar mellor a pequena produción e comercialización coa clientela final, sen intermediacións e procurando que as cousas teñan un prezo xusto tanto para quen vende como para quen compra”. Tal e como explica Varela, outro grande obxectivo desta proposta municipal é “recuperar o espírito das feiras de antano a través dun mercado de proximidade adaptado aos novos tempos que, ademais, sexa un reclamo turístico”.
No mercado do domingo os viveiros de planta e os produtores de horta e comercialización alimentaria -25 postos- suporán unha quinta parte da oferta. A artesanía e a segunda van volverán ser as máis numerosas, xa que entre as dúas sumarán 111 postos.
Esta quinta edición do Mercado local xusto presentará unha nova distribución do espazo dispoñible debido a que se están levando a cabo obras no contorno do convento do Rosario, onde se sitúan habitualmente os expositores de planta e alimentación. Así, estes postos pasarán á praza do antigo Concello, mentres que a artesanía se distribuirá polas beirarrúas da avenida Marqués de Figueroa e a rúa paralela ao CPI. O mercadillo de segunda man quedará coma sempre, no aparcadoiro público que hai ao pé do cemiterio.
Outro mercado na Feira Rural
O Mercado local xusto do domingo non será o último do verán. O Concello volverá integralo dentro da programación da Feira Rural, que se celebra no lugar da Cortiña o próximo 30 de agosto. Alí estarán a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participan habitualmente nos mercados locais, pero tamén haberá expositores relacionados co ambiente e o aproveitamento sustentable dos recursos que ofrece o contorno, xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo.
Calquera persoa que estea interesada en comercializar os seus produtos na VI Feira Rural debe inscribirse previamente. Hai varias maneiras: presentando a folla dispoñible na web municipal debidamente cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal nº 16 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais de nos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.











