Xuviño 2014 ofrecerá ponencias, menús demostrativos e degustación en Neda
A concelleira de Promoción Turística de Neda, Montse Rico, avanzou esta mañá unha das principais novidades na quinta edición de Xuviño, o Encontro dos Viños que organizan conxuntamente os concellos de Neda e Narón. A programación suma este ano un espazo no que a gastronomía terá un papel destacado da man do chef nedense Aitor Martínez Casal e a súa firma Alterego. Así, o sábado 21 e o domingo 22 ofrecerá sendos talleres con ponencias, menús demostrativos e menús degustación con maridaxes. Con propostas culinarias innovadoras como té de ameixas, hamburguesas de porco celta ou roast beef con parmesano galego. Sen dúbida, actividades que chamarán a atención dos asistentes e para as que será preciso de inscripción previa.
Nesta liña, Montse Rico enmarcou a proposta no afán de incorporar edición tras edición novos reclamos a este encontro, referente xa no calendario festivo da Comunidade. Celebraráse este ano os días 20, 21, 22 e 23 de xuño. Un encontro no que bodegueiros de toda España ofrecen os seus máis preciados caldos e que este ano estarán acompañados dos máis selectos productos da gastronomía da comarca de Ferrol. Unha fin de semana diferente e única co mellor viño, gastronomía e turismo do Norte de Galicia.
Ao longo da beira do río Xubia, nun paraxe natural emblemático, bodegueiros da terra e do resto do territorio nacional instalarán as súas barras para atender aos milleiros de persoas que se prevé acheguen durante estas xornadas a este punto limítrofe entre os concellos de Neda e de Narón. Os visitantes poderán catar os mellores viños, incluídos reservas de todas as variedades, e saborear aperitivos con denominación de orixe. Dende empanada e pan de Neda, ata mexilóns da ría, pasando polos pementos do Couto.
Xuviño tamén reserva un espazo importante para a diversión dos máis pequenos, xa que a organización habilitará unha zona de xogos guiada por monitores para os nenos e nenas de tres anos en adiante. Será o sábado e o domingo pola tarde, durante unhas dúas horas. Nel, poderán acceder a todo tipo de xogos baixo a supervisión de persoal cualificado. Así mesmo, a música estará presente ao longo das catro xornadas, coa presenza de formacións e grupos galegos. Así, a cita arrancará o venres 20 de xuño, a partires das 18 horas, e continuará sábado, domingo e luns en horario de mañá e tarde, comezando ás 11 horas. Neste sentido, tanto o Concello de Neda como o de Narón explican que a través de Xuviño queren dar a coñecer o rico patrimonio natural e patrimonial de ambos municipios do Norte de Galicia.











