publicidade hoxe

Xunta e Vilardevós asinan un convenio para a mellora da rúa Jacinto Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilardevós
A-
A+
Agustín Hernández na sinatura do convenio. Foto: C. Paz

Agustín Hernández na sinatura do convenio. Foto: C. Paz

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe co alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, un convenio de colaboración para a realización das obras de mellora na rúa Jacinto Santiago, un eixo de comunicación fundamental para este municipio ourensán.

Este proxecto conta cun investimento de preto de 256.000 euros, dos que a Xunta de Galicia achega practicamente a totalidade, 235.398 euros, é dicir, o 92%, e o importe restante será aportado polo concello.

O obxecto destas actuacións é o arranxo da rúa Jacinto Santiago, a principal conexión entre as estradas Verín – Soutochao e Vilardevós -Riós, situándose no casco histórico de Vilardevós. Ademais esta rúa, cuxo deseño ten unha antigüidade superior aos 100 anos, posúe un marcado carácter comercial, fundamentalmente de servizos de hostalería e comercio.

Cómpre sinalar que aos pavimentos actuais, realizados en distintas épocas, fáltanlles as definicións nas pendentes lonxitudinais e transversais, que permitan o drenaxe superficial, ocasionando acumulacións de augas en días chuviosos. A actuación que se pretende, comprende as obras necesarias de demolición das unidades existentes en mal estado de conservación e a súa posterior construción.

A rúa está integrada no casco histórico da vila, polo que se propón a utilización de pavimentos de granito, similares aos existentes no contorno. Por outra parte, debido á irregular distancia entre as dúas frontes de edificación, proxéctanse unhas beirarrúas de anchura variable, segundo o permitan as fachadas das edificacións.

Para o deseño dos pavimentos de granito, primeiro porase un bordiño de granito que defina xeometricamente a zona peonil e a pendente lonxitudinal da rúa, e proxéctase así mesmo a construción de sumidoiros, en aqueles puntos baixos que se definan coas novas pendentes.

Obrigas

A Consellería de Medio Ambiente deberá contratar, executar e dirixir as obras, así como realizar a achega económica xa citada anteriormente.

Ao Concello de Vilardevós corresponderalle poñer os terreos a disposición, redactar o documento técnico das obras, explotar e conservar as obras executadas e aportar o importe económico que lle corresponde.

16 de xuño de 2014 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.