Xunta e a Autoridade Portuaria de Ferrol continuarán potenciando os faros como reclamo turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, José Manuel Vilariño, mantiveron esta mañá unha reunión na que acordaron seguir a traballar de xeito conxunto para potenciar os faros do norte da provincia como reclamo turístico.

Neste senso, Do Campo agradeceu a colaboración da Autoridade Portuaria co Goberno galego para reforzar o atractivo destes enclaves a través dos distintos proxectos de mellora e acondicionamento que está a levar a cabo, algo que, indicou, “sen dúbida contribúe a aumentar o número de visitantes”. Os traballos impulsados desde o porto de Ferrol desenvólvense en consonancia coas actuacións da Axencia de Turismo de Galicia, que aposta por poñer en valor todos os recursos do xeodestino Rías Altas-Ferrolterra con iniciativas como a Ruta dos Faros. As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal contan con diversos faros e localizacións que representan moi ben os obxectivos da Xunta de Galicia na promoción turística, pois móstrannos un destino onde a preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial está moi presente, converténdose nun elemento distintivo”, indicou a delegada territorial.

Neste senso, Do Campo aproveitou para recordar que este mes púxose en marcha a chamada Ruta dos Faros, en virtude dun convenio entre a Xunta e Renfe, que combina o transporte ferroviario con excursións en microbuses desde os apeadoiros do tren. A boa marcha da iniciativa desde o seu inicio foi a que levou a estendela a todos os fins de semana, pois ao principio xurdiu como un proxecto de periodicidade quincenal.

Segundo ano da ruta dos faros

“Trátase dun proxecto que se desenvolve por segundo ano na comunidade e de gran valor diferencial”, manifestou a delegada, quen recordou que a Ruta dos Faros, que se manterá ata o 15 de setembro, ofrece varias posibilidades: o sábado unha ruta longa Ferrol-Ribadeo-Ferrol ou ben a ruta curta, Ferrol-O Barqueiro-Ferrol. O domingo o percorrido longo sería Ribadeo-Cerdido-Ribadeo e o curto Ribadeo-Ortigueira-Ribadeo.

A Ruta dos Faros permite coñecer enclaves como a Illa de San Vicente, o Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, Santo André de Teixido, o cabo de Estaca de Bares, O Barqueiro, Ribadeo, o faro de Illa Pancha e a praia das Catedrais. Na ruta disponse ademais dun guía especializado durante todo o percorrido.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou para estender a man ao resto de administracións e trasladar ao apoio do Executivo autonómico para seguir a coordinar diferentes estratexias que permitan continuar a diversificar a oferta turística da nosa provincia, e do resto de Galicia, e reforzar o concepto de “destino único” para os nosos viaxeiros.

19 de xuño de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.