Xornada sobre a expatriación en Asime

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) celebrou esta mañá, no marco da súa Área de Desenvolvemento Directivo, unha xornada sobre expatriación na que se expuxeron as claves do éxito deste difícil proceso.

Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, destacou a importancia de levar a cabo esta xornada para dar resposta á demanda das empresas consecuencia da crecente internacionalización. Asime leva 13 anos axudando a saír ás empresas ao exterior e ofrecendo todo o apoio e asesoramento que se deriva do mesmo, e con esta xornada quixo clarificar dúbidas relativas a esta problemática cada vez máis común.

Contou para iso, coa participación de Fernando Arístegui, profesor no módulo de Expatriación no Máster en Dirección de RR.HH. de ESIC que convidou, en primeiro lugar, a reflexionar sobre a necesidade de recorrer á expatriación avaliando tamén outras posibilidades como subcontratación, axentes, filiais… Arístegui explicou os casos nos que resulta imprescindible e as causas máis comúns do fracaso.

A selección inadecuada da persoa, ignorar a situación familiar, proxectos mal definidos, insuficiente ou inadecuada definición da carreira profesional e mesmo ignorar o proceso de repatriación foron algúns dos aspectos máis sinalados por todos os participantes no acto.

José Ramón Cuervo, socio de Baltar Avogados abordou os principais aspectos fiscais a ter en conta no proceso de expatriación centrándose sobre todo na determinación da residencia fiscal e lembrando a importancia da temática fiscal tanto para o expatriado como para a empresa podendo axudar, no seu caso, a minimizar custos salariais.

A xornada, que serviu para coñecer os aspectos máis relevantes a ter en conta para garantir o éxito nesta materia contou tamén co enfoque práctico a través das experiencias explicadas por Carlos Casal, Director de Recursos Humanos en Benteler Automotive Vigo, S.L., e  Carlos Palmeiro, Director de Recursos Humanos en G.O.C.

Ao longo das súas intervencións explicaron anécdotas extraídas de casos reais e apuntaron a problemáticas específicas de países concretos a ter en conta nun proceso de expatriación.

Carlos Casal destacou ademais da preparación, outros aspectos, como a propia viaxe, a estancia e o regreso, resaltando a importancia de diversidade de factores como a comunicación co traballador, a supervisión en destino, aspectos culturais, asistencia sanitaria, etc.

Pola súa banda, Carlos Palmeiro incidiu tamén na conveniencia de subcontratar algunhas áreas de xestión nalgúns destinos sinalando como exemplo a prevención de riscos laborais para contar con total garantía de cumprimento de requisitos legais, documentais e de formación.

18 de xuño de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.