Xogar na rúa pecha o programa de Deporte en Idade Escolar despois de 1900 sesións de actividades
Un ano máis, e cumprindo 23 anos, Xogar na rúa convértese no perfecto peche para o programa de Deporte en Idade Escolar, que inclúe as actividades deportivas que se desenvolveron durante o curso 2013-2014 nos CEIP Fogar, A Cristina, Bergantiños, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán e na ANPA A Braña de Rus. Un total de 839 nenos e nenas participaron entre outubro e maio nun total de 1896 sesións de actividades a través de 44 grupos e tocando todas as modalidades deportivas que se practican en Carballo.
Segundo Francisco García Bello, do Servizo Municipal de Deportes, isto foi posible grazas á novidade este curso de contar coa colaboración de todas as entidades deportivas do municipio, que se coordinaron coas ANPAs e Carballo Deporte para dinamizar aínda máis o programa de Deporte en Idade Escolar. Xogar na Rúa pecha este programa o sábado 7 de xuño, na Praza do Concello entre as 17.00 as 19.30 horas, a través de 16 actividades, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, inchable de Pocoyó, casiña de bolas, atletismo ou capoeira. Esta última unha proposta que se consolida no programa e que xa ten un espazo propio entre o alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero.
Respecto das normas de participación da cita, son as dos últimos anos. Cada neno ou nena localiza no plano a actividade que desexa practicar, que conta cun monitor responsable encargado de supervisala. Os participantes deben respectar en todo momento as decisións dos animadores, non saír do recinto da Praza e colaborar no mantemento da limpeza do espazo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que o ideal é que cada neno practique varias das modalidades deportivas dispoñibles en Xogar na rúa. Así mesmo, resaltou o feito de que “mentres que o fácil nalgúns concellos en época de axustes é prescindir de actividades”, o Concello de Carballo “mantívoas todas”, incluso “ampliando algunhas delas”, como o Programa de Exercicio Físico para Maiores que celebrou a súa clausura o sábado 31 de maio coa presenza este curso dun maior número de parroquias. Respecto da cita do sábado 7 de maio, manifestou que “ben está que o deporte estea na rúa e que a xente goce da rúa facendo deporte”, porque “deporte é saúde e solidariedade”.











