Volta a Mos o concerto didáctico nos colexios ao achegarse o remate do curso escolar

Concerto didáctico en Mos
A concellería de Educación mosense que dirixe a edil Kely Monzón organiza o tradicional concerto didáctico que, con motivo do remate do curso escolar, celébrase cada ano nos centros educativos do Concello gracias á colaboración da Escola Municipal de Música. O concerto didáctico deste ano levouse a cabo esta mañá nos colexios de Petelos e Pena de Francia, e mañá realizarase no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, no CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda, e no colexio de Atín.
Segundo declarou Monzón, o motivo fundamental de organizar ano tras ano esta actividade educativa é que “a difusión da cultura e as artes entre os escolares é uns dos propósitos fundamentais deste departamento municipal, e tendo en conta a importancia da música no desenvolvemento humano, queremos contribuír ó desenvolvemento integral dos nosos escolares brindándolles a oportunidade de poder vivila en directo”.
Outros dos obxectivos desta iniciativa son achegar o marabilloso mundo da música aos alumnos/as do Concello de Mos, proporcionar unha actividade didáctica de carácter musical, promover o coñecemento dos diferentes instrumentos musicais, espertar a curiosidade e interese por esta arte e dar a coñecer á Escola Municipal de Música e os seus músicos.
A actividade que se desenvolveu hoxe nos colexios de Petelos e Pena de Francia e que mañá o fará en Atín, Castro-Mos e Sanguiñeda, consiste nun concerto didáctico a cargo da Escola Municipal de Música (Torroso), cunha duración de media hora aproximadamente cada sesión. Trátase dun evento interactivo onde os máis pequenos aprenden a distinguir as familias de instrumentos empregando os seus sentidos (vista, oído e tacto). Trátase en definitiva, dun encontro diferente coa música, cos músicos e cos instrumentos. O concerto desenvólvese dentro do horario lectivo, en cada un dos dos salóns de actos dos respectivos centros beneficiarios.











