Vilagarcía nomea ao mellor deportista local na Festa do Deporte
A Festa do Deporte Local vive mañá o seu día grande cunha xornada chea de actividades en Fexdega e coa celebración da gala na que se nomeará ao mellor Deportista do ano. No acto de clausura da Festa tamén se entregarán as mencións especiais a persoas, colectivos e empresas pola súa labor de promoción e apoio do deporte e serán distinguidos 9 xóvenes promesas en diversas disciplinas.
En vista da alta probabilidade de chuvias durante a xornada de mañá, a Fundación decidiu trasladar a recintos cubertos todos os actos que inicialmente se ían a celebrar nas rúas do centro da cidade.
As exhibicións das numerosas disciplinas deportivas que realizan os clubs de Vilagarcía desenvolveranse todo o día no pavillón de Fexdega e a Gala de Deporte, a partir das 21:00 horas no Salón García.
A gala deste ano será especial debido á conmemoración das vodas de prata da Festa do Deporte, polo que o acto fará un breve repaso a estes 25 anos promocionando o deporte local e recoñecerá ás persoas e colectivos que participaron nesta andaina. A Fundación convidou a asistir á celebración aos concelleiros de Deportes dos últimos 25 anos.
O presentador da TVG, Terio Carrera, dirixirá a gala na que se dará a coñecer o nome do gañador do Mellor Deportista Local. Os finalistas que aspiran ao galardón este ano son Adrián Domínguez Fajardo (Vela), o Equipo Senior da Agrupación Deportiva Cortegada (Baloncesto), Daniel Abalo Paulos (Fútbol), Carlos Paz Blanco (Vela), e o Equipo Absoluto de Exhibición do Club Taekwondo Olimpic Vilagarcía.
Xóvenes promesas
Como recoñecemento e, sobre todo, a modo de motivación, na gala tamén se entregarán nove distincións a xóvenes do deporte base cuxas traxectorias destacaron este ano. Son Anfrea Dorado Meijide (Xadrez), Jessica Bouzas Maneiro (tenis), Pedro Castro Montenegro (tenis de mesa), Jacobo Domínguez Otero (Vela), Alex Lastra Martínez (boxeo e kick boxing), Laura Barcala Alfonsín (kenpo) e o equipo Premini CBV (baloncesto).
Mencións especiais
Como todos os anos, o xurado tamén decidiu conceder unha serie de Mencións Especiais ao
Club Kenpo Vilagarcía, ao adestrador do Olimpic Miguel Ángel Cuevas Feijoo; a Benjamín Rey Rodríguez, polo seu traballo desinteresado no ámbito do Baloncesto; a Adolfo Brea López, pola súa labor ao longo dos anos no rugbi; a Conservas Portomar, S.L.; ao xornalista de Radio Arosa-Cadena Ser, Jorge Expósito Otero, e ao Club Xadrez Fontecarmoa, pola organización do Conxunto de Eventos Deportivos ao longo de toda a temporada.
Deporte, exhibicións, inchables e bocatas saudables
Os numerosos clubs existentes no municipio e, de xeito especial, os seus deportistas das bases, serán os protagonistas durante toda a xornada do sábado das actividades a desenvolver en Fexdega. As exhibicións están abertas a todo o público e, para que tamén os máis pequenos poidan divertirse, no recinto haberá varios xogos inchables por deferencia de Gadisa. E para que as forzas non fallen con tanta actividade, os deportistas participantes nas exhibicións poderán repoñer enerxías cons “Bocatas Saudables” que ofrece a Consellería do Mar a base de conservas e vexetais.
Ademais das exhibición, no pavillón instalaranse distintos espazos informativos por parte de algúns clubs, como o Club de Natación e salvamento Acuático Vilagarcía, o Club Kenpo, o Judo Club Vilagarcía, o club de Esgrima ou o Motoclub.
PROGRAMA
SÁBADO 07 DE XUÑO
Recinto Multiusos de Fexdega
10.30-12.30h.- Baloncesto
Fútbol
Esgrima
12.00-19.00h.- Motos/bicis
17.00-19.00h.- Tenis de mesa
Xadrez
18.00-19.30h.- Rugbi
18.00-19.30h.- Tiro con arco
19.30-20.30h.- Taekwondo
Salón García
21:00.- Gala do Deporte.











