Vilagarcía expón as súas iniciativas de conciliación nunhas xornadas en Guadalaxara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O traballo que está a levar o Concello de Vilagarcía dende hai anos en materia de igualade, conciliación e corresponsabilidade será exposto como exemplo nas II Xornadas sobre Políticas Locais de Apoio ás Familias que se desenvolven hoxe e mañá en Guadalaxara baixo a organización do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a FEMP. A concelleira, Ángeles Rodríguez, será a encargada de explicar as diversas iniciativas postas en marcha no noso municipio.

O obxectivo destas xornadas é o de analizar o papel e as respostas ofrecidas polas administracións locais en materia de apoio ás familias para afrontar os retos máis destacados aos que estas se enfrontan na actualidade. Por iso, prestarase unha especial atención ás intervencións con familias en situación de dificultade socioeconómica, á mellora da conciliación de la vida laboral, familiar e persoal, á solidariedade interxeracional e aos programas e servizos de apoio á parentalidade positiva.

A experiencia de Vilagarcía relatarase na primeira mesa redonda da xornada de mañá baixo o título “Experiencias locais en conciliación da vida laboral, familiar e persoal na que, ademais da concelleira de Igualdade, Ángeles Rodríguez, participarán representantes dos municipios de Barakaldo e Xaén, así como a xefa do servizo de Primeira Infancia e Conciliación, do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

A intervención da edil de Vilagarcía centrarase en explicar as medidas que o Concello desenvolve nos seus diferentes departamentos en materia de sensibilización como de axuda efectiva tanto no ámbito da conciliación como da corresponsabilidade. O primeiro grupo de actividades lévanse a cabo a través da área de Igualdade que traballa no eido da sensibilización a través de iniciativas como os obradoiros de verán “Ei tamén sei cociñar”, o Premio de Igualdade na Escola, a Campaña do Día do Pai, ou os obradoiros se sensibilización no ámbito educativo.
No que ás medidas de axuda efectiva á conciliación, Ángeles Rodríguez, exporá as actividades que realizan os diferentes departamentos municipais como o programa Conciliatardes-Tardes coa Infancia e o Xantar na Casa (Servizos Sociais), os Campamentos Urbanos de Verán (Xuventude), Escolas Multideportivas de inverno e de verán (Fundación de Deportes) e o Banco de Tempo (Igualdade), así como a existencia dun centro de Día Público para a atención de persoas maiores.

A concelleira porá especial énfase es salientar o compromiso do Concello de Vilagarcía coas políticas de conciliación e corresponsabilidade, para o que porá como exemplos os dous Plans de Igualdade do Concello de Vilagarcía, o Plan do Programa de Tempos e a participación nos proxectos de ámbito europeo “Equilibrio- Balance”.

10 de xuño de 2014 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.