Vilagarcía disporá de 11 socorristas nas praias para a temporada de verán
A Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello a resolución do Plan de Cooperación 2014 da Xunta de Galicia, a través do cal se lle concedeu ao Concello de Vilagarcía unha subvención para a contratación de 11 socorristas para as praias durante a temporada de verán. Aínda que son os mesmos efectivos concedidos o ano pasado e pese a que xa entón se prestou atención aos tres areais do municipio, o Concello decidiu solicitar a través doutro programa de emprego a contratación de 3 auxiliares de Protección Civil para apoiar ao corpo de socorristas que tamén contará coa colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias e protección Civil.
Como xa o fixera o pasado verán, o Concello de Vilagarcía disporá este ano de servizo de vixilancia e salvamento nas tres praias do municipio, nas de O campanario (Bamio) e O Preguntoiro (Vilaxoán) ámbalas dúas con bandeira azul; e na praia urbana da Concha-Compostela, a máis grande e a que reúne a maior número de bañistas.
Unha vez coñecida a resolución, o Concello porá en marcha de xeito inmediato o proceso de selección de persoal que se realizará a través do Servizo Público de Emprego coas persoas inscritas nas listas de parados que reúnan os requisitos de titulación esixidos. A selección realizarase, como o ano pasado, a través do sistema de concurso-oposición no que os aspirantes deberán superar tanto probas físicas como teóricas. O Proceso realizarase coa maior celeridade posible para que os socorristas poidan comezar a operar canto antes nos tres areais.











