Vilagarcía contratará a 20 desempregados acolléndose ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos
O Concello de Vilagarcía concorrerá ás axudas do Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais convocado pola Deputación Provincial de Pontevedra co obxectivo de poder contratar a 20 desempregados por un período de 6 meses. A solicitude de subvencións será remitida esta mesma semana ao organismo provincial, unha vez se teñan concretadas as necesidades de persoal existentes.
A Concellería de Traballo e benestar está avaliando as necesidades de persoal existentes en cada servizo municipal a efectos de concretar os postos de traballo a cubrir a través deste novo plan ao que a Vilagarcía lle corresponde a concesión de financiamento para a contratación de 20 traballadores, en función ao seu número de habitantes.
Unha vez probada a subvención que se destinará a financiar o custo salarial das contratacións, poranse en marcha o procedemento de selección que se efectuará a través do Servizo Público de Emprego, no que teñen que estar dados de alta como demandantes de emprego os interesados. Ademais de axustarse aos perfís solicitados para cada posto, os aspirantes deben cumprir os requisitos de ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI ou PREPARA).
As contratacións deben ter como obxectivo a realización ou o mantemento de obras e servizos municipais, como acondicionamento, limpeza e mellora de zoas ambientais, conservación e mantemento das infraestruturas e, tamén, a reposición, recuperación e adecuación das praias e areais do litoral.
Serán 20 contratacións laborais a tempo parcial en xornada ordinaria de 25 horas semanais por un período de 6 meses.











