Vila Praia de Áncora acolleu a presentación da XXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaCalendario
A-
A+
Presentación da Festa da Langosta

Presentación da Festa da Langosta

O pasado venres 27 de xuño, o Alcalde da Guarda, D. José Manuel Domínguez Freitas, e a Concelleira de Turismo, Dona Montserrat Magallanes, presentaron oficialmente en Vila Praia de Ancora a “FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA” que este ano celebra a vixésima cuarta edición os días 4, 5 e 6 de xullo.

Este ano, ademais, estrea declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia como recoñecemento a súa aposta pola gastronomía local e a un completo programa de animación.

Escolleuse a cidade de Vila Praia de Áncora para a presentación oficial desta festa gastronómica pola vinculación histórica e a importancia dos visitantes portugueses para o noso concello. A presentación realizouse durante a celebración da Festa do mar e da Sardiña, onde o Presidente da Cámara de Caminha, Miguel Alves, foi o encargado da apertura do acto.

A festa ten como protagonista a langosta pero acompañándoa hai unha variedade de produtos dun alto nivel culinario que veñen facendo as delicias dos paladares máis esixentes. Os presentes puideron degustar ó remate do acto a langosta e os máis dos 25 pratos mariñeiros.

A intervención do Alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, xirou en torno á importancia da festa gastronómica para o turismo da Guarda e agradeceu ao país veciño as facilidades para a organización da presentación nesta cidade. Tamén indicou que a festa naceu para promocionar a langosta e dende fai varias edicións mudou ofertando pratos mariñeiros para todos os gustos e petos. “Aínda que a raíña da festa segue a ser a langosta”, como amosan os centos de quilos que se venden cada edición.

Rematou o acto convidando a todos os portugueses a que nos visiten na XXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira no porto da Guarda e aproveiten para contemplar a desembocadura do río que nos une.

O recoñecido actor galego Sergio Pazo é o pregoeiro nesta ocasión que se celebrará a noitiña do venres 4 novamente na Praza do Reló como o primeiro acto da festa. A música galega e tradicional contará cun especial protagonismo e como xa é habitual contaremos con actividades para o entretemento e ocio dos visitantes. Este ano incorporouse á programación a tradicional Travesía a Nado Porto da Guarda, que se celebrará ás 12h do sábado a escasos metros da carpa da festa. Durante a fin de semana, a festa contará coa recoñecida Feira de Artesanía na rúa do Porto e o tren turístico que percorrerá as rúas da vila, entre outras moitas cousas.

28 de xuño de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.