Vía libre para convocar o pleno de renuncia dos edís dimisionarios de Santiago tras recibir a sentenza
O Concello de Santiago xa ten vía libre para convocar o pleno de renuncia dos edís dimisionarios, os sete condenados por prevaricación e Rebeca Domínguez, que presentou a súa renuncia á acta de edil e ás súas competencias de Normalización Lingüística.
Así, fontes municipais confirmaron que a Casa do concello xa recibiu o fallo do Xulgado do penal número 1 de Santiago, que condenou a nove anos de inhabilitación especial á xunta de goberno local do 30 de maio de 2013 por autorizar o pagamento da defensa a Adrián Varela -que tamén deixou a corporación-. A recomposición do goberno local e o relevo poderían resolverse nuns 20 días.
Este martes, o Pazo de Raxoi viviu unha aparente calma despois de que o aínda alcalde, Ángel Currás, anunciara o relevo no bastón de mando, no que lle substituirá o por agora conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.
Currás, que dende este luns non esconde o seu cansazo físico, tratou de seguir adiante coa súa xestión diaria e permaneceu no seu despacho dende primeira hora da mañá, de onde unicamente saíu para cumprir cun compromiso cun medio de comunicación.
NON ACLARA O SEU FUTURO
Con todo, o aínda rexedor esquivou aos medios tanto na súa saída do Pazo de Raxoi, por onde aproveitou unha porta do seu despacho que comunica con outras dependencias para sortear a prensa; como á súa chegada de novo á sede municipal, onde non puido evitar as imaxes pero si declinou facer declaracións sobre o seu futuro.
Nunha entrevista na Cadena Ser, Currás tampouco aclarou se seguirá como edil unha vez que Agustín Hernández se converta no terceiro rexedor da capital galega dende que se celebraron as eleccións en maio de 2011. O cabeza de lista, Gerardo Conde Roa, dimitiu tras ser imputado por fraude fiscal, delito polo que rematou condenado a dous anos de cárcere.
“Téñoo que pensar e madurar, e téñoo que facer coa miña familia e a miña muller, nin sequera tiven dúas horas para falalo con ela”, escusouse Currás, quen se referiu a que o luns chegou ás 22,00 horas á súa casa e marchou ás 7,00 da mañá.
“Eu estarei onde me necesiten e onde poida achegar algo; igual o novo alcalde necesita de min, ou non necesita. Non cheguei ambicionando ser alcalde e, por suposto, tampouco ambiciono seguir no poder”, resolveu.
O NOVO EQUIPO
Mentres que Agustín Hernández indicou que “toca pensar no mellor equipo que poida coller as rendas da cidade”, Ángel Currás apuntou que o equipo que deseñara respondía a un “perfil técnico con experiencia contrastada na administración e outros ámbitos”, ao respecto de o que se fixou no nome de Raúl García de Loza, árbitro de fútbol, e que asumiría a área deportiva relevando a Adrián Varela.
Precisamente, o exconcelleiro responsable de Deportes acudiu este martes á Casa do concello compostelano pasadas as 13,00 horas, pero tampouco quixo responder ás preguntas dos xornalistas sobre a renuncia do alcalde nin sobre a declaración que ten pendente por unha querela da CIG. Adrián Varela, imputado na Operación Pokémon, dimitiu a principios de maio e xa ratificou a súa renuncia á acta.
En canto á continuidade de Hernández, Currás destacou que este madrileño de nacemento “vive a cidade e goza dela” e mostrouse seguro de que “pode e debe dar osíxeno ao partido”. Ademais, mostrouse seguro de que “pode conseguirse perfectamente a vitoria nas próximas eleccións” na capital galega, aínda que admitiu que “esixirá moito traballo”.
DEBATIDA DENDE HAI TEMPO
Malia que o alcalde recoñeceu que non tivo tempo para falar coa súa familia sobre o seu futuro, na mesma entrevista na Ser, recollida por Europa Press, o aínda rexedor dixo que a decisión adoptada foi “debatida hai tempo, a nivel familiar e persoal”.
Asegurou que Feijóo lle “agradeceu a decisión” -o presidente constatou este martes publicamente a súa “xenerosidade” tras días eludindo darlle o seu apoio-, e reafirmouse en que o finalmente adoptado era “o prudente e o conveniente”.
O aínda alcalde defendeu que, tras a renuncia de sete edís -condenados por prevaricación- comezase a buscar equipo malia que a decisión final fora deixar o bastón de mando. “Cando se van nove concelleiros, é unha situación excepcional e pouco habitual, hai que buscar solucións rápidas que non permitan desgoberno nunha cidade como a de Santiago”, manifestou Currás, quen incidiu en que o deseñado era “un equipo solvente” e “estaba pechado” o xoves.
Currás recoñeceu que en Raxoi se sentiu “só moitas veces”, pero indicou que “non é estraño” e apelou ao alcalde Xerardo Estévez que falaba da “soidade do despacho” consistorial. “Moitas veces un alcalde ten que tomar decisións, ten que tomalas rápido e ten que tomalas só; e moitas veces van afectar a persoas e non vai ser oportuno tomalas, e quizais non é o máis agradable”, expresou.
“Se me puxesen un vídeo do que ía pasar, escaparía”, recoñeceu en referencia ao momento en que relevou a Gerardo Conde Roa á fronte da Alcaldía compostelana. Currás asumiu as rendas malia que a dirección do PP galego optaba por Paula Prado, que finalmente deixou a súa acta de concelleira e converteuse en voceiro do PPdeG, posto do que dimitiu tras verse salpicada na Operación Pokémon, na que non está imputada.
Ademais, Currás lamentou que “ás veces se contaron mal, intencionadamente, para facer dano” certas cousas, e mostrouse seguro de que sairá sen consecuencias xudiciais das dúas causas nas que está incurso -a ‘Pokémon’ e a denuncia dun policía local-.
“O que coñece Ángel Currás sabe que o alcalde non é nin prevaricador, nin acosador, nin fai tráfico de influencias. Os que me coñecen sábeno, e os que non, saberano, porque a xustiza é lenta, pero indubidablemente resolve”, asegurou.











