Verín suspende a Master Class de Atletismo do sábado 21 de xuño
A Master Class de Atletismo, prevista para o sábado 21 de xuño, suspéndese de modo temporal, xa que Alejandro Fernández, a persoa encargada de impartila, non o poderá realizar por cuestións deportivas.
Esta actividade, última das previstas nas VIII Xornadas de Deporte e Saúde, estaba conformada por unha clase a cargo de Alejandro Fernández, dobre vencedor da Carreira Pedestre Popular do San Martiño e da Vig Bay 2014, e outros integrantes do club New Balance, seguida dunha charla-coloquio na Casa da Cultura de Verín, co obxecto de intercambiar experiencia didácticas sobre o mundo do atletismo e o seu beneficio na saúde.
A suspensión da mesma débese a unha modificación do calendario de competicións de Alejandro Fernández, o que lle imposibilita a súa presencia en Verín. Con todo, tanto o deportista como o seu adestrador Santi Saco, ratificaron o compromiso da realización da mesma cando o calendario de competicións o permita.
Por outra banda, integrantes do EDC Verín Atletismo participaron na X Carreira Popular Nocturna de Xinzo de Limia, organizada por Limiactiva e o Concello de Xinzo, obtendo os seguintes excelentes resultados:
– Asier Salgado e Valeria González (participaron na carreira de pitufos – 100 metros).
– Marina Moredo (vencedora en prebenxamín feminino – 225 metros).
– Kiara Salgado (3ª en benxamín feminino – 1.060 metros).
– Sara Moredo (2ª en alevín feminino – 1.060 metros).
– Andrés García (8º en alevín masculino – 1.060 metros).











