Verín forma parte do proxecto hispano-noruego “Equilibrio-Balance”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Concello de Verín é un dos 17 municipios españois e noruegos seleccionados para participar no proxecto hispano-noruego “Equilibrio-Balance”, que ten por obxectivo a posta en funcionamento de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral da cidadanía.

Por este motivo, é necesario articular o proceso nas seguintes fases:

1) A primeira de recollida de Información sobre o contexto socioeconómico do municipio e medidas ou actuacións xa existentes. Esta fase xa está realizada.

2) A segunda consiste en recoller, sobre o terreo, información sobre as necesidades de conciliación da cidadanía. O concepto conciliación fai alusión obrigatoriamente á conciliación dos tempos que adicamos ao traballo e á vida fóra deste, polo que ter a perspectiva do mercado de traballo e do sector empresarial é fundamental. Neste punto está incluída a visita dunha técnica do Instituto da Muller, nas últimas semanas, para coñecer in situ as actividades de conciliación familiar e laboral realizadas polo ente municipal ao longo do ano (como Escola de Familia, ludoteca, servizo de axuda no fogar, escolas deportivas municipais ou conservatorio de música elemental, entre outras). Ademais esta fase tamén inclúe a realización dun cuestionario online no que poden participar, de modo anónimo, todos os veciños e veciñas de Verín e que está dispoñible no seguinte enlace https://es.surveymonkey.com/s/concello-verin

3) A terceira consiste en deseñar un Plan de Actuación en materia de conciliación (Plan Municipal de Conciliación), que contribúa a ofrecer respostas ás demandas identificadas na fase de diagnóstico. Este plan conterá unha serie de medidas e actuacións, moitas das cales xa existen, e outras novas.

4) E a cuarta é de implementación. Durante o proceso, teremos que identificar cinco actuacións ou medidas de conciliación, que se consideren prioritarias, outorgando a prioridade a cada unha. Destas cinco o Instituto da Muller seleccionará unha, a que cumpra os criterios do proxecto e apoiarase a súa posta en marcha cos medios que sexan necesarios.

Este proxecto está liderado polo Instituto da Muller e no mesmo participan a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e a Asociación Noruega de Autoridades Locais e Rexionais (KS). O mesmo está financiado polo Espazo Económico Europeo.

30 de xuño de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.