Uns 40 alumnos das catro escolas deportivas participaron na xornada de deporte adaptado-inclusivo de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+
Participantes nas xornadas deportivas

Participantes nas xornadas deportivas

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, celebrou na xornada de onte unha nova xornada aberta do deporte e a actividade física adaptada e inclusiva no pavillón polideportivo de Ares. O evento enmárcase dentro do programa deportivo que o organismo supramunicipal desenvolve anualmente coa colaboración da Deputación da Coruña, e que inclúe catro escolas: tenis en cadeira de rodas, baloncesto en cadeira de rodas, boccia e baile. Este programa baséase no concepto de diversidade funcional e no principio da inclusividade.

Un total de 40 alumnos/as das diferentes escolas participaron nesta xornada deportiva, dos cales seis alumnos foron de tenis de cadeira de rodas, oito de baloncesto, dez usuarios en boccia e dezaseis de baile adaptado. A xornada de onte xoves contou coa participación activa do público que encheu as gradas do polideportivo para acudir, entre outras actividades, á exhibición de tenis en cadeira de rodas que realizou o xogador olímpico e varias veces campión de España, Álvaro Illobre. Así mesmo, os alumnos da escola de baloncesto en cadeira de rodas practicaron botes, pases e tiros mentres que os usuarios de boccia demostraron a súa precisión e estratexia para practicar este xogo que se asemella á petanca. Por último, actuaron os alumnos da escola de baile adaptado que realizaron dúas coreografías de música actual.

Ademais, a representante do Concello de Ferrol na Mancomunidade, Martina Aneiros Barros, e diferentes representantes de outros municipios integrados no organismo supramunicipal entregaron os diplomas a cada un dos participantes neste programa de deporte e actividade física adaptada-inclusiva. Esta iniciativa, que se retomará no vindeiro mes de setembro, conta cun investimento de 22.000 euros -4.000 euros para a realización de actividades e uns 18.000 euros para o servizo de transporte-.

20 de xuño de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.