Uns 200 veciños de Brión ateigaron o X Concerto de Fin de Curso da Escola Municipal de Música Magariños

Concerto de fin de curso
Preto de douscentos veciños e veciñas de Brión ateigaron o auditorio do centro social polivalente para asistiren ao X Concerto de Fin de Curso da Escola Municipal de Música Magariños. Un concerto no que tomaron parte máis de oitenta alumnos e alumnas que amosaron a destreza adquirida este ano cunha selección de 65 pezas, actuando ben en solitario, en dúo, en trío e coa banda de música Magariños.
Para evitar problemas de aforo como en anos anteriores, os responsables da ESMU Magariños estruturaron o programa do concerto en tres partes, dunha hora de duración cada unha. Así, as actuacións comezaron ás 11:00 horas do pasado sábado cos alumnos e alumnas máis novos da escola, pertencentes á preiniciación musical e música e movemento. Ás 12:00 horas houbo a primeira gran renovación do público asistente, pois a gran maioría dos pequenos marcharon e deixaron o seu sitio a un total de 38 actuacións musicais. Ás 13:15, baixo os acordes da banda sonora de Titanic, a Banda de Música Magariños abriu a última parte dun concerto que rematou case ás 14:30 horas.
Este X Concerto de Fin de Curso pon o punto e final musical ao ano de celebracións levado a cabo pola ESMU Magariños co gallo do seu décimo aniversario. Un aniversario que porá o seu broche de ouro o vindeiro 19 de xuño, data na que se inaugurará unha exposición denominada “10 anos de música” que recolle os carteis das distintas actividades realizadas pola escola nos últimos anos. A mostra poderá visitarse no inmoble da ESMU Magariños ata o próximo 18 de xullo.