publicidade hoxe

Uns 120 estudantes de primaria de Tomiño participan na 14ª edición de Turonia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Os cinco colexios públicos de Tomiño participarán nunha nova edición de Turonia; unha actividade de coñecemento e convivencia rica e singular, organizada en colaboración co Concello de Tomiño e as comunidades de montes.

O CEIP  de Tebra,o CEIP Pintor Antonio Fernández, de Goián, o CEP Pedro Caselles Beltrán, de Tomiño, o CEIP de Sobrada e o CEIP de Barrantes,  uniranse nos niveis de 6º (uns 120 escolares) para celebrar a catorce edición do Proxecto Turonia, dende o xoves 12 de xuño  ata o venres 13, durmindo no ximnasio do colexio Pedro Caselles.

Esta actividade escolar, xa consolidada, mantén o seu interese entre o alumnado ano a ano, pola súa singularidade, xa que ademais de permitir coñecer o patrimonio, constitúe unha oportunidade de convivir e compartir cos compañeiros. Este ano o alumnado realizará un percorrido dende Chan do Cereixo (perto de Pinzás) ata o embarcadoiro de Goián; ruta que lle permitirá realizar distintas actividades e afondar no coñecemento do entorno. Os principais temas a tratar serán a arqueoloxía, a arquitectura medieval, a botánica, a zooloxía e o deporte.

Paralelamente, os demais cursos dos cinco coles farán “O Peque Turonia”: unha serie de pequenas andainas polo entorno próximo. Os colexios Pedro Caselles, Goián e Tebra  van facer a ruta do río por Goián. O CEIP de Barrantes, irá ata Vilachán, para lembrar a existencia do antigo Concello nesa parroquia ata 1816; seguindo polo Xibao ata o Pazo e Muíños do Brosque dos anos 1695,1747 e 1832, e finalizará na Escola Indiana da Aurora del Porvenir.

Os coordinadores de Turonia resaltan a colaboración das comunidades de montes das distintas parroquias, que achegaron subvencións económicas para poder agasallar aos rapaces e rapazas con camisetas e gorras conmemorativas, e do Concello de Tomiño, que aporta os autobuses para os desprazamentos e o transporte do material ata o centro base no Pedro Caselles. Tamén da Asociación Cultural de Tebra, das Anpas dos centros e da comunidade educativa en xeral.

10 de xuño de 2014 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.