Universidade de Vigo e Deputación de Ourense asinan un convenio de cooperación para prácticas de alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo asinaron un convenio de cooperación educativa para a realización de prácticas académicas externas, co obxectivo de facilitar a preparación para o exercicio profesional do alumnado universitario nas áreas operativas das empresas e a súa incorporación futura ao traballo dentro da sociedade. O acordo, asinado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, ten como finalidade regular un programa de prácticas académicas entre a Universidade de Vigo e o goberno provincial que poderá realizar o alumnado matriculado nas ensinanzas que imparte a Universidade de Vigo e os estudantes doutras universidades españolas ou estranxeiras que, por razón de programas de mobilidade académica ou de convenios establecidos entre elas, se atopen cursando estudos na Universidade de Vigo ou nos centros adscritos a esta.

A Universidade de Vigo realizará unha convocatoria pública nos centros universitarios afectados, en que se indicará o número de alumnado de prácticas e as condicións da práctica académica externa, garantindo os principios de transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades.

A duración das prácticas será a que estableza o plan de estudos e a normativa correspondentes, contando o alumno cunha persoa titora por parte da Deputación de Ourense e con outra da Universidade de Vigo. Asemade, a Deputación de Ourense organizará a actividade a desenvolver con arranxo ao establecido no proxecto formativo e remitirá á Universidade de Vigo un informe final á conclusión das prácticas, que recollerá o número de horas realizadas polo estudante e valorará aspectos referidos á capacidade técnica e de aprendizaxe, administración de traballos, habilidades de comunicación, capacidade de traballo en equipo, creatividade, implicación persoal e motivación, entre outros.

Ao remate das prácticas, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo entregaranlle a cada estudante un certificado acreditativo do labor realizado.

Este convenio é o terceiro que asinan o goberno provincial e a Universidade de Vigo. Días pasados, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, acompañados polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, asinaron dous convenios de colaboración entre ámbalas dúas institucións por un importe total de 175.000 euros para o desenvolvemento de programas e actividades de difusión cultural, investigación e formación no Campus de Ourense, así como para as bolsas de mobilidade “Ourense Exterior”, no ano 2014. Nos vindeiros días constituirase a comisión de seguimento destes convenios, presididos todos pola palabra “cooperación” que, segundo Manuel Baltar, “permítenos apostar firmemente pola potenciación do Campus de Ourense, porque con este irrenunciable compromiso estamos contribuíndo ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos nosos universitarios”.

Representante no Comité de Ética

Por outra banda, dentro deste marco de cooperación, a Universidade de Vigo xa comunicou á Deputación de Ourense o nome da persoa que representará a entidade académica no Comité de Ética que velará polo cumprimento do Código Ético e de Conduta que a institución provincial aprobou en pleno no mes de abril, o primeiro dun goberno provincial en España. O obxectivo do código é regular as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial, e procurar un comportamento profesional, ético e responsable, contribuíndo deste xeito a reforzar a aposta pola calidade democrática e a rexeneración do sistema institucional, establecendo mecanismos para incentivar o seu cumprimento. En definitiva, o Código Ético pretende configurar unha ética pública común que evite a mala xestión e sirva para xeneralizar as boas prácticas.

9 de xuño de 2014 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.