Unha vintena de pintores cataláns e galegos participarán no “IX Encontro coa Arte. De l´Empordà a Galicia” en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

Un total de 22 artistas, dez procedentes de Cataluña e outros doce de Galicia, participarán no “IX Encontro coa Arte. De l´Empordà a Galicia”, que terá lugar en Brión do 27 ao 29 de xuño. Un intercambio cultural e artístico entre Galicia e Cataluña froito dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Brión e a localidade xerundense de Castell-Platja d’Aro o ano pasado.

Grazas a este convenio, unha delegación de artistas galegos viaxou na primavera de 2013 a Cataluña para participar no evento “Trobada d’ Art. De l’Empordà a Galicia”. Agora, unha decena de creadores cataláns convivirán con doce pintores galegos, compartindo experiencias entre os artistas e amosando o seu talento e as súas técnicas aos veciños e veciñas de Brión, ben a través dunha exposición artística, ben a través dunha serie de obradoiros creativos ao aire libre onde podelos ver traballar.

Programa

Esta edición especial dos Encontros coa Arte dará comezo o venres 27 de xuño, ás 13:00 horas, cunha recepción institucional na Casa do Concello de Brión. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, dará a benvida aos 22 artistas participantes e á representación institucional do municipio de Castell-Platja d’Aro. Xa pola tarde, os artistas trasladaranse ata a contorna natural de Ponte Maceira (Ames) para a primeira xornada de pintura do natural. Xa pola noite, participarán no concerto “A miña primeira Rosalía”, que terá lugar ás 20:30 horas, no Centro Social Polivalente.

Na mañá do sábado 28, os artistas trasladarán os seu lenzos ata a parroquia de Bastavales para enchelos coas cores do lugar que inspirou os famosos versos de Rosalía de Castro. Ás 21:30 horas terá lugar a inauguración da exposición “Encontro de Arte “De L’Empordá a Galicia”, una mostra colectiva de pintura a cargo dos artistas cataláns e galegos que participan no encontro.

Finalmente, o domingo 29, os obradoiros de pintura do natural trasládanse ata o Paseo do Río Pego, en Pedrouzos. Un lugar no que os pintores pasarán a mañá creando as obras que logo doarán a pinacoteca municipal para formar parte do patrimonio artístico do concello.

25 de xuño de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.