Unha vintena de mulleres de Lousame participaron no curso de preparación para a busca de emprego
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, clausurou este mércores o curso “Preparación para a busca de emprego”, que dende o pasado 26 de maio se viña celebrando na Casa da Cultura lousamiana. Un curso organizado polo Concello de Lousame e incluído na iniciativa “Activa Emprego”, un programa formativo de mellora da empregabilidade entre as mulleres subvencionado pola Deputación da Coruña.
Durante as 32 horas lectivas do curso, as alumnas aprenderon a importancia de saber venderse á hora de conseguir un traballo, é dicir, que destacar e como facelo. Neste sentido, as alumnas traballaron especialmente a elaboración dun currículo vitae atractivo, dunha boa carta de presentación ou como prepararse para unha entrevista de traballo. De feito, o curso tivo un contido eminentemente práctico, no que as alumnas simularon entrevistas de traballo, as gravaron en vídeo e despois analizaron as virtudes e os defectos de cada entrevista.
Así mesmo, no curso destacouse a importancia da motivación e da autoestima para poder afrontar con éxito a busca dun emprego. Neste sentido, a propia mestra do curso preguntoulles: “se non vos apreciades, quen vai facelo?” Por último, as alumnas tamén recibiron unha completa formación sobre como utilizar Internet para a busca de emprego e sobre os distintos recursos dispoñibles na rede para atopar traballo.











