publicidade hoxe

Unha vintena de cativos de Soutomaior aprenden a recoñecer os produtos da pesca en “Come o Mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Come o Mar en Arcade

Come o Mar en Arcade

A Praza de Abastos de Arcade foi escenario esta mañá da campaña “Come o Mar” desenvolvida polos Grupos de Acción Costeira en colaboración coa Xunta de Galicia. Un programa que pretende impulsar o sector turístico-gastronómico en diferentes municipios costeiros e grazas ao cal, durante dúas horas, unha vintena de nenos e nenas de Soutomaior tiveron a oportunidade de aprender a recoñecer e valorar os diferentes produtos da pesca. Ademais, todos os visitantes puideron gozar dun petisco degustación baseado nalgúns dos froitos da ría.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado de varios membros do goberno local, quixo acompañar aos pequenos e compartir con eles algúns momentos dos talleres, familiarizándose cos produtos do mar e as distintas especies a través dos diversos xogos propostos. Pesca, quebracabezas, procura na area…. Ademais, de man dos monitores especializados, puideron coñecer os beneficios e propiedades nutricionais do peixe a través dun percorrido polos diferentes postos do mercado onde a “xigantesca” boca do Rape e as cores dalgúns mariscos espertaron os xestos de admiración dos pequenos.

Para completar a xornada todos os asistentes, tanto os pais dos nenos como os compradores que se achegaron á Praza de Abastos, puideron gozar da degustación culinaria de produtos do mar ofrecida polos organizadores como mostra da excelencia e alta calidade da cociña mariñeira.

Ao finalizar o evento o alcalde agradeceu á responsable do Grupo de Acción Costeira pola súa colaboración nunha iniciativa “que promociona a excelencia dos produtos do mar a través dun consumo san e responsable ademais de supor un gran impulso ao mercado local”.

O programa “Come o mar” que impulsan os GAC de toda Galicia complétase con menús e tapas mariñeiras nalgúns dos restaurantes de diversas localidades costeiras ademais de promover actividades de cultura e turismo vinculado ao mar.

24 de xuño de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.