Unha trintena de candidatos optan aos 10 postos de socorristas en Cangas
Coa finalidade de reforzar a seguridade nos areais do municipio durante estes meses de verán Cangas oferta 10 novas prazas de socorristas que se unirán aos 15 socorristas e 3 patróns xa seleccionados polo concello.
Esta tarde os candidatos que aspiran a unha destas prazas, e que previamente foron seleccionados pola Oficina de Emprego de Cangas, realizarán as probas do proceso selectivo na praia de Rodeira a partir das 17:00 horas. O Servizo Público de Emprego seleccionou a tres persoas por cada un dos postos ofertados.
A proba consistirá en correr 200 metros, entrar no mar e nadar 50 metros para recoller un moneco de rescate acuático, remolcalo coa técnica adecuada ata a beira e sacalo da auga ata o punto sinalado polo Tribunal. A proba terá unha puntuación máxima de 100 puntos resultando acadar un mínimo de 50 para non quedar eliminado.











