Unha ducia de veciños de Lousame participaron no adestramento aberto de kickboxing de Estefanía García

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Participantes na exhibición de kickboxing

Participantes na exhibición de kickboxing

Unha ducia de veciños e veciñas tomaron parte no adestramento aberto de kickboxing organizado pola Concellería de Deportes do Concello de Lousame e dirixido por Estefanía García Figueira, subcampioa de España na categoría K-1 e campioa galega de boxeo e kick. Unha exhibición de hora e media á que asistiron tamén outra vintena de veciños e veciñas de Lousame, que non se animaron a probar sobre a pista os exercicios propostos por García Figueira no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.

O Concello de Lousame ten previsto incluír o kickboxing entre a súa oferta deportiva para o próximo curso, que comezará o vindeiro mes de outubro. “O kickboxing non é para nada un deporte violento. Moita xente pensa que, como é un deporte de contacto, só é para persoas agresivas e nada máis lonxe da realidade”, explica Estefanía García, quen apunta que “o kickboxing é un deporte moi completo, no que se traballa toda a musculatura do corpo e co que te podes poñer en moi boa forma. Ademais, psicoloxicamente é moi bo para desestresarse e eliminar malos rollos”. De feito, tal e como puideron comprobar os veciños e veciñas asistentes a esta exhibición, “o kickboxing está adaptado a todas as idades e condicións físicas, pois contamos con proteccións e adestramentos especiais para cada nivel e para cada idade”, sinala Estefanía García.

Durante algo máis de hora e media, a ducia de veciños que participou na exhibición puido asistir a unha clase intensiva por parte da subcampioa de España na categoría K-1, que lles propoñía un exercicio, realizaba unha pequena demostración e despois corrixía persoalmente os erros que podían cometer os alumnos.

27 de xuño de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.