Unha delegación comercial de Corea do Sur descobre as vantaxes competitivas do solo empresarial lugués

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLugo
A-
A+
Raquel Arias na xuntanza coa delegación de Corea do Sur

Raquel Arias na xuntanza coa delegación de Corea do Sur

A delegada territorial da Xunta de Galicia mantivo no día de hoxe unha xuntanza cunha delegación empresarial de Corea do Sur, co obxectivo de acercar aos representantes do sector industrial desta décimo cuarta potencia económica mundial as posibilidades coas que conta Lugo.

No marco do encontro, Raquel Arias, acompañou a delegación coreana, encabezada por In-Cheol Lee, presidente da Comunidade Coreana en Madrid, nunha visita ao polígono empresarial das Gándaras, onde a representante do Executivo galego explicou as posibilidades coas que conta esta área industrial. Na visita participaron tamén o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), impulsora da visita a terras luguesas desta delegación coreana.

A delegada provincial salientou “as grandes posibilidades coas que conta o polígono das Gándaras”. Esta área empresarial conta cunha ubicación estratéxica dende o punto de vista loxístico, con acceso á autovía A-6 e conexión a unha hora con portos comerciais e practicamente no mesmo tempo a dous aeroportos. A isto súmase o proxecto para dotalo de conexión directa coa liña ferroviaria.

Así mesmo, as instalacións, rematadas na súa primeira fase, que abranguen preto de 900.000 metros cadrados, contan con viais en dobre sentido e dous carrís cadanseu, así como servizos de gas natural, fibra óptica e auga e electricidade en todas as súas parcelas. Arias explicou que, “neste momento, hai nove empresas asentadas no polígono empresarial, quedando aínda dispoñibles para a venda 280.456 metros cadrados, con prezos que oscilan entre os 95 e os 120 euros por metro cadrado”.

Na visita participaron tamén a coordinadora da zona norte de Xestur, María Doporto Santos, e o técnico do departamento Antonio López, que explicaron máis polo miúdo as características do polígono.

Vantaxes específicas a través do Impulsa Lugo

Raquel Arias explicou que “a provincia de Lugo posúe unhas vantaxes especiais e máis beneficiosas para o asentamento de empresas a través do programa Impulsa Lugo, promovido pola Xunta de Galicia para incentivar o desenvolvemento empresarial desta provincia. Este é un programa que contempla liñas de axudas específicas para a dinamización do tecido empresarial de Lugo”.

Arias considerou que a provincia de Lugo ten grandes posibilidades económicas grazas a súa xeografía, que permite un sector primario competitivo en canto a pesca, o sector forestal, a agricultura e actividades empresariais como as relacionadas co viño, que posúe un mercado incipiente en Corea do Sur.

27 de xuño de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.